Manuel Baltar participa no primeiro debate do estado da provincia

Intervención de Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe no primeiro debate sobre o estado da provincia que se celebrou na institución provincial a necesidade “de crer no mellor Ourense, afastados de vitimismos”. “Queremos futuro –remarcou- para destacar as potencialidades e singularidades da nosa terra, que nos darán, sen dúbidas, os éxitos que todos desexamos”.
Baltar, quen anunciou que presentará a súa candidatura para presidir a Deputación na vindeira lexislatura, dixo que a transparencia, a unidade política e a rexeneración democrática “son piares básicos nos que se ten que asentar unha nova forma de facer política para uns novos tempos que demandan novas solucións a novos retos, onde a firmeza é fundamental porque o desencontro político aviva incertidumes na poboación e elo trae redución do gasto privado, diminución da produción e, en consecuencia, do emprego e do investimento”. “Fronte a iso –expresou-, “temos desafíos claros: máis emprego e máis poboación, que son as nosas principais preocupacións. A suma perfecta para facer máis Ourense. Non nos fixemos só nas debilidades e nas ameazas, sen descoidalas por suposto. Fagamos fincapé nas nosas fortalezas e nas nosas oportunidades”.
Nun discurso de fondo calado programático e institucional, o presidente do goberno provincial enumerou as que serán as medidas “de presente e futuro inmediato” que prevé levar a cabo, enmarcadas no novo proxecto de xestión que poría en marcha na vindeira lexislatura: o “Plan OURENSE 15-19”, “unha liña programática con 40 medidas innovadoras e de futuro para a provincia de Ourense cun cronograma de medidas concreto, medido e precisado, para levarse a cabo coa máxima eficacia e para que teña os seus efectos dende o minuto un da súa posta en marcha”, explicou o presidente.
No debate –o primeiro destas características que se celebra nunha deputación de Galicia- interveu primeiramente Manuel Baltar e, de seguido, os voceiros do BNG, PSOE e PP para presentar as correspondentes propostas de resolución, que foron debatidas posteriormente polos voceiros dos grupos políticos. O debate reanudouse cunha quenda de dúplica por parte do presidente, á que seguiu unha nova intervención dos voceiros, e pechouse o pleno coa intervención final do presidente e a votación das propostas de resolución e as emendas que se acordaron.
Ademais das dez propostas de resolución do grupo de goberno, as 10 novas medidas que anunciou o presidente Manuel Baltar foron as seguintes:
1.- O Observatorio Económico Provincial terá unha vertente demográfica, que avaliará tamén tanto a evolución destas décadas como as proxeccións poboacionais.
2.- Elaboración dun cuestionario sobre a transparencia e o acceso dos cidadáns á información municipal dos 92 concellos da provincia.
3.- Sinatura coa Xunta de Galicia do convenio para a execución do Plan Termal Provincial (o día 18 de novembro no Balneario do Carballiño), e no mes de decembro, reunión constitutiva do Consello Termal Ourensán. “Comeza o reto termal, así se acredita nos orzamentos da Deputación para 2015 co investimento máis elevado da historia en materia de termalismo”, explicou o presidente.
4.- No mes de decembro Ourense acollerá o Foro Redepyme, que organiza o Goberno de España, evento orientado a sensibilizar a emprendedores e empresarios sobre a importancia de aplicar a innovación ás súas iniciativas empresariais.
5.- Posta en marcha dunha “Unidade administrativa de Mellora do servizos públicos”, relacionada coa xa creada de Transparencia e participación cidadá, pioneira na administración pública española.
6.- Elaboración dun Manual de acollida para as electas e electos provinciais, para axudarlles no proceso de incorporación á Corporación. Falo de establecer unha sistemática para garantir que os membros da corporación provincial reciban formación sobre as súas funcións e responsabilidades.
7.- Celebración do Consello provincial de alcaldesas e alcaldes ou Cumio provincial de alcaldesas e alcaldes co presidente da Deputación, para analizar propostas, formular preguntas e establecer canles de cooperación entre os máximos representantes dos concellos da provincia e o presidente da Deputación.
8.- Medidas de mellora da eficiencia e de transparencia en materia de contratación.- Pioneiros en materia de licitación electrónica liderando xunto á Deputación de Pontevedra, o Concello de Santiago e dúas entidades locais por determinar, o proxecto piloto promovido por AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
9.- Eliminación do procedemento negociado sen publicidade a partir do 1 de xaneiro de 2015.- Integración do perfil do contratante da Deputación na Plataforma de Contratación do Sector Público (20 deputacións integradas a día de hoxe). Retransmisión de mesas de contratación e publicidade de tódolos contratos celebrados con independencia do procedemento de contratación.
10.- Creación da Rede provincial de museos.- Unha provincia rica en cultura, patrimonio, natureza e no carácter das súas xentes merece intensificar as accións coordinadas das administracións públicas, co liderado do seu goberno provincial, para incidir nas nosas posibilidades turísticas co turismo cultural ou o turismo termal como máximos referentes, sen descoidar a Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda.
Cooperación
Manuel Baltar referiuse no seu discurso á cooperación como a palabra clave da súa xestión ao fronte do goberno provincial, destacando as liñas de colaboración cos concellos, o goberno autonómico, o Estado e a UE. “Fixemos realidade que esta deputación sexa a administración máis próxima aos concellos, sendo estes os máis achegados aos cidadáns. E coa administración autonómica asinamos importantes acordos como a elaboración do plan termal provincial, a execución do plan de infraestruturas agrarias ou acordos para poñer en marcha os grupos de emerxencia supramunicipal, mentres co goberno de España, a nosa alianza co Ministerio de Industria a través da EOI, fíxose efectiva no Plan de Emprendemento 15-17 e no Plan de Emprego Xove”.
En canto á cooperación coa Unión Europea, Baltar afirmou que a nosa estratexia é clara nos próximos: materializar proxectos que suporán un antes e un despois na historia da nosa provincia: a “Provincia intelixente” (e-Administración, e-Commerce e e-Industria), o plan termal, a axencia da enerxía e do medio ambiente e o plan de competitividade. A política de cohesión destinará máis de 36.000 millóns de euros a investimentos nas rexións e localidades españolas. E no caso de España o principal reto é incrementar a produtividade, así como promover o emprego nun marco de consolidación fiscal e de restrición do crédito”.
Carta de servizos
Manuel Baltar dixo tamén que coa presentación da “Carta de Servizos” da Deputación de Ourense –outra das novidades- “poñerémonos á vangarda das administracións públicas que explicitan as súas competencias e procedementos que xestionan, así como os órganos e funcionarios responsables dos mesmos, fixando obxectivos de calidade como poden ser o tempo medio de resolución de calquera trámite administrativo”. Será unha realidade antes de que remate este ano. Tradúcese en maior transparencia, máxima claridade e compromisos concretos no tempo de resposta da Deputación de Ourense.
Concluíu Manuel Baltar afirmando que a Deputación de Ourense “basea o seu proxecto transformador, dende a cooperación interadministrativa, o marco económico e a protección da sociedade do benestar, tendo en conta os principios de: non gastar máis do que se ingresa, pagar o que se debe en tempo e forma, ter unha administración e unha competencia, dispoñer dunha administración local que sexa electrónica, e coa máxima transparencia ao servizo dos cidadáns”.
Propostas de resolución
O pleno aprobou un total de 17 propostas de resolución referidas á transparencia, participación cidadá, xestión económica, emprego, sector vitivinícola, turismo, cooperación cos concellos, sectores produtivos e equilibrio territorial, entre outras. As propostas de resolución aprobadas foron as seguintes:
1.- Plenitude democrática.– Instar ás Cortes Xerais do estado a modificar a lexislación electoral para que os membros das corporacións provinciais sexan elixidos directamente polos cidadáns, habilitando para dito fin unha urna máis nas eleccións locais.
2.- Participación cidadá.- Modificar o regulamento orgánico da Deputación para procurar que os cidadáns poidan, rematadas as sesións plenarias, formular preguntas á Presidencia da Corporación, presentadas no prazo e co procedemento que se determine.
3.- Transparencia.- Poñer en marcha o portal “Ourense Transparente”, dotando aos gobernos locais de Ourense dunha ferramenta para cumprir coas obrigas legais de Transparencia.
4.- Xestión económica.- Someter ao pleno da Deputación a aprobación inicial dos orzamentos do seguinte ano na sesión ordinaria do mes de setembro.
5.- Cooperación cos concellos.- Poñer en marcha o portal de factura electrónica “f-Ourense”, para apoiar aos concellos na incorporación da factura electrónica obrigatoria a partir do 15 de xaneiro de 2015.
6.- Economía, emprego e sectores produtivos.– Deseñar, coordinadamente con outras administracións e co sector privado, a implantación na provincia dun parque empresarial exclusivamente relacionada co sector agroalimentario.
7.- Liña de actuación económica: sector vitivinícola.- Implementar, a través dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe da provincia, un portal de comercialización do sector (“enourense”) con plan de marketing e comunicación on-line.
8.- Turismo provincial.– Deseñar e executar un plan de posta en valor da Vía da Prata e do Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras como Rutas Xacobeas.
9.- Promoción provincial.– Volver a formar parte con carácter permanente da Fundación feiras e exposicións de Ourense.
10.- Equilibrio territorial.- Reforzar a importancia dos concellos da comarca de Trives e volver a ter presenza nos órganos de xestión da estación de montaña de Cabeza de Manzaneda.
11.- Aparcadoiro do CHUO.– Renegociar o canon da concesión do aparcadoiro do CHUO.
12.- Políticas agrarias.– Negociar coa Consellería de Medio Rural ou cos concellos interesados o traspaso medios materiais de titularidade provincial, que permitan impulsar políticas agrarias, gandeiras e forestais.
13. Xestión compartida.- Entablar negociacións co Concello de Ourense que permitan chegar a fórmulas de xestión compartida do Teatro Principal, Pazo dos Deportes “Paco Paz”, edificio Simeón (Centro Cultural “Marcos Valcárcel”), xa que a utilización e actividades destas infraestruturas corresponde fundamentalmente á poboación da capital.
14. Rede viaria.– Elaboración dun plano de rede viaria encardinado coas redes galega, estatal e fronteira portuguesa, xestionando os fundos necesarios para dotar á provincia das infraestruturas básicas para afrontar o seu desenvolvemento.
15.- Transparencia no gasto público.- Crear na páxina web da Deputación Provincial un espazo denominado “Información económica” no que figure o estado de execución do orzamento (ingresos e gastos), e en especial que se publiquen os gastos realizados de xeito que figure: provedor, descrición do gasto e importe de factura aboada.
16.- Cultura e deporte.- Prestación de servizos culturais e deportivos nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
17.- Servizos impropios.– Deixar de prestar servizos impropios relacionados coa agricultura e gandería.











