Manifesto do Concello de Teo polo Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller
Un ano máis conmemoramos o 25 de novembro, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que a Asemblea Xeral da Nacións Unidas proclamou para manifestar, de xeito unánime, o grave problema que supón a violencia exercida contra as mulleres e que é unha manifestación da vulneración dos dereitos humanos.
Aínda que actualmente a sociedade ten unha maior concienciación sobre este tipo de violencia, grazas ao traballo que se fixo dende a propia sociedade, medios de comunicacións e das distintas administracións, aínda se mantén un alto nivel de tolerancia ante certas actitudes que perpetúan a desigualdade entre os dereitos de homes e mulleres.
A realidade internacional, onde parece que volvéramos a prehistoria, consagra unha violencia brutal pero selectiva por razón de sexo. Matar os varóns e utilizar as mulleres e nenas como botín sexual debe levarnos a pensar que non vivimos en mundos estanco e obriga ao noso Estado a traballar a nivel internacional para evitar este horror nun mundo interconectado.
Na nosa sociedade debemos traballar para evitar que se sigan producindo máis agresións, que non as sofren só as mulleres, senón os seus fillos e fillas, os seus pais ou nais, os seus irmáns e irmás, os seus amigos e amigas, é dicir, afecta a toda a sociedade e significa unha ferida permanentemente aberta. Pero tampouco debemos reducir as mulleres ao papel de vítimas, as mulleres son agredidas, pero tamén son persoas con capacidades e recursos para darlle a volta ás situacións e construír vidas felices.
Felicitámonos porque dende o 5 de maio deste ano está constituído o Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero, órgano que representa a todas as institucións que loitan contra esta lacra, esperamos que este instrumento poida facilitar o traballo en toda Galicia.
O ámbito local é no que máis se sinte o duro impacto negativo do maltrato e da violencia de xénero. Como primeira liña de atención cidadá realizamos o primeiro esforzo de atención ás vítimas, coordinando todos os efectivos municipais cos recursos doutras administracións para apoiar activamente a todas as mulleres que sofren este problema.
No Concello de Teo está constituída a Mesa contra a Violencia de Xénero, un instrumento para a coordinación dos diferentes axentes que interveñen contra a violencia de xénero no Concello; e estamos a piques de ter o protocolo de actuación rematado.
É necesario proporcionar un tratamento integral durante todo o ano e, tendo en conta que a solución a este problema ten como eixe fundamental a educación, traballando, sobre todo, a educación en igualdade entre homes e mulleres, e fomentando os valores de igualdade e respecto dende a familia e a educación.
Por todo iso, dende O Concello de Teo proponse:
– Proclamar a tolerancia cero fronte a violencia cara as mulleres e manifestar o noso compromiso para contribuír a erradicación da violencia de xénero.
– Colaborar de xeito activo coa comunidade educativa para facilitar mediante un labor preventivo e de sensibilización, a concienciación da sociedade de que o problema da violencia de xénero só se pode erradicar mediante a implicación e o compromiso de todas e todos.
– Garantir, dende o Concello, os medios necesarios para a detección precoz da violencia e a asistencia e atención á vítima mediante a elaboración dun protocolo de atención á vítima da violencia de xénero.











