Manifesto do Concello de Lugo no Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero
En todo o mundo a violencia contra as mulleres continúa a manifestarse de moi diversas formas e alcanza cifras insoportábeis. Como eses 603 millóns de mulleres que viven en países onde non se considera delito a violencia de xénero ou os dous millóns de nenas cuxa vida corre risco pola ablación. E nun ano en que quixeron arrebatarnos o noso dereito a decidir se queremos ou non ser nais, non podemos esquecer esas 47.000 mulleres que morren cada ano no mundo por mor de abortos inseguros. Tampouco esquecemos o 70% de mulleres que sofren ou sufrirán violencia sexual na súa vida, tendo que aturar ser cuestionadas, ridiculizadas, revitimizadas.
No Estado español máis de 600.000 mulleres sofren malos tratos acotío. En dezanove anos, máis de 1.311 mulleres foron asasinadas por homes que dicían amalas, sen contarmos todas aquelas que quedan fóra das estatísticas oficiais. Un número de asasinatos que tería que converter de seu o da violencia machista, o terrorismo machista, nunha verdadeira “cuestión de Estado”.
A violencia contra as mulleres adopta diferentes facianas e prodúcese en diversos escenarios; un deles é o ámbito laboral e profesional, onde as mulleres son obxecto de discriminación. As recentes declaracións da presidenta do Círculo de Empresarios: “Prefiro contratar maiores de 45 e menores de 25 para evitar embarazos” son intolerables e moi reveladoras da situación que viven moitas mulleres no traballo.
O Grupo dos traballadores e traballadoras da OIT (Organización Internacional do Traballo) considera necesaria a adopción dunha norma internacional sobre a violencia contra as mulleres no lugar de traballo a fin de protexer a súa liberdade, o seu dereito á equidade, a súa seguridade e a súa dignidade humana.
Queremos aproveitar esta data para lembrar que o vindeiro 28 de decembro se cumprirán dez anos da aprobación da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a cal supuxo un revulsivo respecto á violencia de xénero en todos os seus aspectos.
De feito, o pasado 15 de outubro, España recibiu en Xenebra unha das mencións de honra do Premio de Políticas de Futuro, que institucións como ONU Mulleres conceden a leis e políticas do mundo que persigan poñer fin á violencia exercida contra as mulleres e as nenas. Consideraron que a lexislación española, en concreto a Lei integral contra a violencia de xénero é unha das máis importantes e eficaces normas para combater e erradicar a violencia sexista en todo o mundo. Non obstante, as mulleres seguen a sufrir violencia de xénero, e o número de asasinatos, lonxe de diminuír, aumenta. Só durante o mes de agosto, oito mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas. Hoxe queremos lembrar a todas e a cada unha das 50 vítimas da violencia machista, segundo recolle a Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas, pero dun xeito moi especial ás sete mulleres galegas, das cales catro eran ou vivían en Lugo: María José, Adela, María Luisa e Elena. Tamén lembramos a Sonia, sobrevivente dun intento de asasinato machista no pasado mes de agosto en Chantada, do cal quedou seriamente danada. Para ela e para todas as vítimas esiximos xustiza e reparación.
Non esquecemos a nena e o neno, que morreron vítimas da violencia de xénero, nin tampouco os 29 nenos e nenas que quedaron sen a súa nai despois de ser asasinadas.
Temos que denunciar os recortes orzamentarios en materia de igualdade en xeral e de violencia de xénero en particular. É necesario, ademais destacar diversas reformas lexislativas que atacan o espírito da Lei integral contra a violencia de xénero, como son a Lei Wert, coa eliminación de Educación para a Cidadanía, ou a Lei de racionalización e sostibilidade da Administración local, que cualifica como impropias as competencias que os concellos e as entidades locais viñan exercendo en materias de igualdade e de violencia de xénero.
Hoxe, 25 de novembro, estamos un ano máis diante da árbore da vida para esixir que non se dea ningún paso atrás máis nos dereitos das mulleres. ¡NON MÁIS VIOLENCIA MACHISTA!











