Mañá mércores será o último día para solicitar o ticket electrónico social en Ferrol
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, informa de que mañá mércores, día 5, é o último día para solicitar das axudas económicas para o pagamento da factura eléctrica, a través do ticket eléctrico social, correspondente ao primeiro semestre de 2014. As axudas, convocadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), están dirixidas as familias nas que convivan fillos menores de 18 anos e nas que a suma dos ingresos totais da unidade de convivencia non superen o IPREM de 2013.
O ticket eléctrico social consiste nunha axuda directa de 45 euros semestrais para as familias que cumpran os requisitos, e 60 euros no caso de familias numerosas. A presentación das solicitudes para a concesión do ticket eléctrico realizarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es , e dende a páxina web do Instituto Enerxético de Galicia: http:www.inega.es. Así mesmo, as persoas que non teñan acceso aos medios tecnolóxicos poderán realizalo a través dos servizos sociais do Concello de Ferrol. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata mañá mércores día 5 de novembro (incluído).
Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes en Galicia que teñan ao seu cargo fillos menores de 18 anos e un gasto derivado do subministro de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Así mesmo, a unidade familiar en convivencia non poderá superar o IPREM de 2013. O Instituto Enerxético de Galicia resolverá a concesión das axudas no prazo dun mes contado dende o día seguinte á data da súa presentación.











