Máis de 90 contactos nacionais e internacionais constatan o éxito da presenza do CTG en Londres
A delegación do Clúster Turismo de Galicia finalizou a súa primeira misión comercial na World Travel Market, en Londres con moi bo sabor de boca. Máis de 90 contactos con turoperadores e administracións nacionais e autonómicas e interesantes vías de comercialización puidéronse abrir estes días grazas aos encontros e presentacións que se sucederon no marco desta feira internacional, á que o CTG puido acudir grazas ao apoio e a estreita colaboración mantida coa Axencia de Turismo de Galicia. A súa directora, Nava Castro, que tamén viaxou a Londres, propiciou encontros coa administración estatal en materia turística, como foron as reunións mantidas co Ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, e coa secretaria de Estado de Turismo, Mª Isabel Borrego.
Do mesmo xeito mantivéronse encontros de gran interese con Joan Molas, presidente da Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT); co xerente do Instituto Tecnolóxico Hoteleiro, Ramón Estalella así como con representantes da OMT, Paradores, Renfe, Turismo de Catalunya, Forteventura ou dos empresarios turísticos de Calviá, ademais de contactos con turoperadores de diferentes países, con especial interese en Reino Unido, EE.UU e China así como Francia, Alemaña, Italia, Bélxica e Países Baixos.
“O balance non pode ser máis positivo para esta primeira misión comercial xa que a presenza no WTM foi moi útil a nivel comercial e creación de marca, ademais de poder coñecer de primeira man outros destinos turísticos con grandes similitudes ao galego, como é o caso de Turismo de Tenerife”, afirmou o presidente do CTG, Francisco González. Neste sentido, González explicaba os grandes paralelismos entre o desenvolvemento da marca Turismo de Tenerife e o traballo que se está levando a cabo en Galicia para a creación dun destino global, forte e competitivo, polo que esperaba que este primeiro contacto cos responsables de Turismo de Tenerife frutificase en posteriores encontros que permitan crear sinerxías de colaboración.
Neste sentido, o presidente do CTG tamén anunciou que o Clúster traballa xa para estar presente nas próximas citas co sector turístico, tanto a nivel nacional (INTUR en Valladolid, EIBTM en Barcelona e FITUR 2015) como internacional (Salón Náutico Internacional de París en decembro ou o ITB Berlín 2015).
World Travel Market
A delegación comercial no WTM estivo composta por representantes do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, da Federación Galega de Turismo Rural, do Grupo Costas Galicia, da Asociación de Empresarios de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO), da Asociación de Turismo Rural Agarimo, da empresa Ababides Servizos, da Fundación Semana Verde de Galicia, de Carrís Hoteles, de Palexco e dos hoteis San Lorenzo e Gran Hotel La Toja.











