Máis de 70 alumnos de 6º Primaria de Santiago participan en “Biodiversión”
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) realiza esta semana talleres científicos en Santiago de Compostela co alumnado de 6º de Primaria do CEIP Pío XII. Os talleres, que comezan hoxe e continúan o mércores e o venres, teñen lugar nas instalacións do Instituto de Investigacións Agrobiológicas Galicia (IIAG).
Son o eixo dunha iniciativa de divulgación promovida por sexto ano consecutivo polo IIAG: Biodiversión’14. Está financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía- Ministerio de Economía e Competitividade e enmárcase na Semana da Ciencia. O obxectivo é achegar ao alumnado de 6º Primaria a I+D+i desde un punto de vista lúdico, incentivando á vez o interese científico a idades temperás e o fomento da experimentación.
A dinámica de Biodiversión
Comeza ás 09.00 horas. Divídese ao alumnado en catro grupos para realizar, a través de sinxelos experimentos e guiado por persoal científico e técnico do IIAG, talleres acerca da extracción de ADN dunha froita, o cambio climático, o cultivo in vitro de especies leñosas, a xerminación e elongación radicular e o mundo microscópico. Conclúen ás 14.00 horas. Nas semanas sucesivas o alumnado realiza un debuxo representativo ou escribe un relato acerca do que aprendeu en Biodiversión. Estas propostas preséntanse a senllos certames convocados polo IIAG, cuxos premios son xogos divulgativos.











