Máis de 5.800 rapaces participaron no Programa de Educación Viaria ao longo do 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta rectora do Parque Infantil de Tráfico reunise esta mañá, no Salón de Plenos do Concello coa asistencia de Agustín Fernández, alcalde de Ourense; Sinda Aguiar, coordinadora de Educación Vial da Xefatura de Tráfico; a intendente da policía Local, María Barrera, o xerente de Expourense; Alejandro Rubín, o director do Parque infantil de Tráfico, Adriano Amorín e a monitora do parque infantil de tráfico, Fina Lage Fernández.

A Xunta procedeu á aprobación das actividades que se desenvolverán ao longo do ano 2015 e que contan coa colaboración da Policía Local, Protección Civil, a Xefatura Provincial de Tráfico e Expourense, lugar onde se ubica o Parque Infantil de Tráfico, entidades que colaboran conxuntamente co obxectivo de incrementar a seguridade na circulación viaria, desenvolvendo e adquirindo hábitos de comportamento correcto en relación ao tráfico e a circulación peonil e desenvolvendo actitudes de tolerancia e solidariedade no tráfico viario.

No programa de Educación viaria participaron no curso 2013-2014 un total de 5.840 alumnos e alumnas de máis de 30 centros de ensino da cidade e este ano contará cun orzamento de 128.500 euros, dos cales 105.000 son aportados polo Concello de Ourense e 23.500 por Expourense.

Programación Educación Viaria para o ano 2015

O principal obxectivo será potenciar o coñecemento e o cumprimento das normas de circulación tanto si son peóns, viaxeiros ou usuarios ou usuarias de bicicleta ou ciclomotor, para os alumnos e alumnas do 2º e 3º ciclo de Primaria e 1º ciclo de Educación Secundaria, que recibirán unha formación teórica nas aulas e práctica no Parque Infantil de Tráfico nos meses de decembro a xuño. Esta formación complementarase con charlas de primeiros auxilios, visitas á Policía Local para coñecer o funcionamento deste servicio cidadá, e a celebración no mes de maio da XVII edición do Concurso Provincial de Educación Viaria, ao tempo que se mantén e implementa o programa “Camiño Escolar”.

Coma novidade para este curso destaca a ampliación do programa aos nenos e nenas de Educación Infantil, nos propios centros escolares, con actividades piloto nas que se amosen conceptos viais básicos coma os pasos de peóns ou a importancia dos semáforos e que se complementará con actividades prácticas e a montaxe dun circuíto en determinados centros nos que os nenos e nenas deberán pór en práctica o aprendido cos seus propios vehículos.

26 de novembro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.