Máis de 200 estudantes da UDC beneficiaranse de descontos adicionais nas tarifas do plan de transporte metropolitano
O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Universidade da Coruña para a aplicación de descontos adicionais aos estudantes desta universidade. Esta iniciativa permitirá a preto de 220 universitarios (segundo os datos provisionais) dos Campus da Coruña e Ferrol beneficiarse de descontos de entre un 20% e un 50% sobre as tarifas do Plan de transporte metropolitano.
Esta medida está recollida dentro do Plan de transporte metropolitano de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, concretamente do Programa de integración tarifaria, a través da ordenación da oferta de transporte e o abaratamento do custo por viaxe aos usuarios. As axudas son concedidas pola universidade en función da renda persoal dispoñible segundo o establecido na correspondente convocatoria de axudas.
A Universidade proporcionará á Dirección Xeral de Mobilidade a listaxe definitiva de persoas beneficiarias das axudas e, pola súa banda, a Dirección Xeral xestionará o pagamento mensual das axudas cos seus medios técnicos e humanos.
O sistema de bonificación para os membros do colectivo universitario será o mesmo que o que se aplica para a bonificación por recorrencia para os usuarios que superan as 40 viaxes ao mes e familias numerosas desde o 1 de decembro. Nese sentido, as viaxes realizadas nun mes por cada universitario serán contabilizadas e procesadas e o sistema realizará unha recarga dous meses despois na tarxeta pola contía da bonificación con tan só introducila no caixeiro automático.
Cómpre indicar que estas bonificacións son compatibles con outros descontos do programa tarifario (sociais, recorrencia ou familia numerosa) sen que o importe total das bonificacións poida superar o importe total da viaxe. Un dos requisitos que deberán cumprir é similar aos que se lles esixe aos usuarios xerais do plan, dispor dunha tarxeta do Plan de transporte metropolitano de Galicia e, especificamente, estar matriculado neste curso na Universidade da Coruña.
A modo de exemplo, para un alumno que viaxe desde Arteixo, Cambre, Culleredo ou Oleiros ao Campus de Elviña custaralle 0,42 euros, un 50% menos que na actualidade; no caso de que proceda de Sada ou Carral o custo será de 0,83 euros, un 35% menos. Por outro lado, un universitario do Campus de Ferrol que viaxe desde Neda a Ferrol pagará 0,42 euros, un 50% máis barato que actualmente.
O Plan de transporte metropolitano de Galicia comezou a súa andadura no ano 2011 e, actualmente, está implantando nas áreas da Coruña, de Santiago de Compostela, de Ferrol e de Lugo, e as cifras demostran que é un éxito xa que se ten rexistrado un millón de viaxes ao mes no conxunto destas catro áreas.
O PTM (Plan de transporte metropolitano) implica unha serie de beneficios para os cidadáns, que se traducen nun aforro medio anual para un usuario frecuente do transporte público de entre 300 ata 1.000 euros, dependendo da orixe e destino dos seus desprazamentos.
Os orzamentos da Xunta para 2015 incrementan en máis dun 42% a partida para o transporte metropolitano co obxectivo de estender a súa implantación a Vigo, Ourense e Pontevedra, e incrementar o número de concellos das áreas nas que xa funciona.











