Máis de 1.000 alumnos de Primaria xogan co galego nos obradoiros Lingua Forza 3
A Concellaría de Normalización Lingüística ofreceu aos centros educativos de primaria, a principios deste curso, a posibilidade de realizar os obradoiros Lingua Forza 3. Trátase dunha xincana con probas e xogos populares en versión lingüística, deseñados especialmente para esta actividade nos tres ciclos de educación primaria.
Para superar as distintas probas os rapaces e rapazas terán que empregar as súas destrezas de traballo en equipo, resistencia, habilidade e velocidade física, lingüística e mental. Os monitores irán enfiando todas as probas coa posta en escena e narración dramatizadas. O formato e a presentación da actividade é común aos tres ciclos de primaria, aínda que varían as probas, a dificultade e os contidos lingüísticos.
Os contidos (adaptados a cada ciclo) son os seguintes:
1. Recibimento e quecemento. Contextualización dramatizada da actividade e motivación para fomentar a participación dos nenos e nenas. Explicación en círculo da sesión. Aproximación práctica ao léxico específico relacionado co currículo de educación física.
2. Feirón con tres probas rotatorias:
• Proba de habilidade física, lingüística e mental: xogo e traballo co patrimonio cultural inmaterial do galego oral.
• Proba de resistencia física, lingüística e mental: xogo cooperativo no que se traballa co léxico e vocabulario específico da área de educación física.
• Proba de velocidade física, lingüística e mental: xogo cooperativo e construción de palabras escritas correctamente en galego.
3. Proba definitiva. Empregando compoñentes do noso patrimonio oral un xogo reunirá as tres disciplinas: habilidade, velocidade e fortaleza física co uso da lingua como ferramenta fundamental.
Hai xa peticións para facer máis obradoiros Lingua Forza 3 á volta das vacacións de Nadal, e aínda están a tempo de solicitar estes obradoiros outros centros educativos que o desexen, poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello.











