Magnifico fin de tempada para Juan Campos no circuíto do Xarama

Juan Campos na proba de resistencia
Tivo que ser na última carreira da tempada da Copa de España de Resistencia na que a escuadra galega conseguía por fin domar ao Seat León e lograr a segunda praza do pódium do circuíto do Xarama.
Tras uns adestramentos moi bos, o piloto Juan Campos colocaba o coche en quinta posición, pero con apenas milésimas de diferenza co segundo clasificado. Parecía que o domingo tería que ser un bo día para o equipo e así foi.
A carreira aparecía cunhas pingas de choiva que facían difíciles as condicións da pista. Os enxeñeiros e mecánicos da Escuadra Cerdedoenrali tivérono complicado á hora da elección dos reglaxes do vehículo, pero as decisións tomadas foron na dirección adecuada.
O semáforo verde daría inicio a unha emocionante carreira. Tras unha boa saída, na primeira metade do combate tratábase de manterse na pista sen tomar grandes riscos. Despois de metade de carreira foi cando o piloto sacou o mellor partido ao coche, colocándose durante algunhas voltas en primeira posición. Un pequeno baixón no rendemento dos pneumáticos condicionaron o final da proba, aínda así conseguíase a ansiada segunda posición.
Un merecido resultado tras o duro traballo de todo o equipo durante o ano. Sen dúbida deixa un bo sabor de boca para presentar a candidatura ao título no 2015.
Desde o equipo queren agradecer a todos os patrocinadores o apoio mostrado durante a presente campaña.











