Luís Emilio Batallán presenta na Coruña o seu novo disco “Había que chegar”

Luís Emilio Batallán
En breve, Luís Emilio cumprirá corenta maios desde que sacou o seu primeiro disco: “Ahí ven o maio”. Ese que o lanzou á fama a mediados da década dos 70´ e que o converteu no disco máis vendido de todos os tempos. Médico de profesión durante moitos anos, agora, Batallán céntrase ao 100% na música.
O xoves 20 de novembro ás 20.00h, o Centro Sociocultural Afundación vestirase de gala para recibir a Luís Emilio, alcumado por D. Álvaro Cunqueiro como Lord Batallán. Luís Emilio chega a este concerto co seu novo disco debaixo do brazo e con moitísima ilusión de facer vibrar aos coruñeses coa súa música. “A Coruña… que dicir desta fermosísima cidade? Que conquista corazóns e inspira melodías” afirma.
Batallán estivo presente nos escenarios durante catro décadas de música con álbums recoñecidos como “Ballet da nena”, “Eres un fármaco” e en 2007, “Tu retrato”. Luís Emilio é coñecido polo público pola súa habilidade ao musicalizar poemas de grandes referentes da literatura galega como Rosalía de Castro (no seu novo disco incorpora o tema “Adiós ríos, adiós fontes” con Pablo Milanés), Celso Emilio Ferreiro (o tan famoso tema ”Agardarei”) ou Álvaro Cunqueiro (un dos seus grandes éxitos “Quen puidera namorala” baseado no poema “No niño no voo do vento”) entre outros. O intérprete regresa aos escenarios cun traballo máis íntimo, máis coidado e máis persoal no que introduce ritmos de jazz e blues. Gravado e editado en Estados Unidos, Cuba, Suíza e España e publicado por Editorial Galaxia, este disco contén ademais das verbas do propio compositor, as do seu amigo e compañeiro na produción Pablo Milanés, e un DVD co concerto en directo que ofreceu en Santiago de Compostela e unha distendida conversa con D. Víctor Freixanes, director de Galaxia., O cantautor continúa ofrecendo concertos tras actuar en Santiago de Compostela, Forcarei, Lalín, Moaña, Celanova, San Vicente do Mar e Caldas de Reis. Aterra na cidade herculina para exclamar ao catro ventos: “Había que chegar”. Batallán, en estado puro.











