Louzán proponlle aos clubs a creación dunha Copa Deputación de fútbol base e outra de fútbol feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

O presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, e a deputada responsable de Deportes, Begoña Estévez, analizan esta tarde cos clubs de fútbol da zona norte da provincia os detalles da organización da Copa Deputación 2015, que botará a andar no mes de xaneiro e que, como principal novidade, pretende incluír dúas novas categorías: a de fútbol base e a de fútbol feminino.

Desta forma búscase que a Copa Deputación non só sirva para apoiar os clubs séniors, senón que permita dar maior visibilidade ó fútbol feminino e á ampla rede de equipos infantís, xuvenís e cadetes que existen en toda a provincia.

Ademais da posta en marcha destas dúas novas categorías da Copa Deputación, Rafael Louzán e Begoña Estévez analizarán cos representantes duns 70 clubs pertencentes á delegación de Pontevedra da Federación Galega de Fútbol os detalles deste torneo, no que cada ano participan arredor de 130 clubs.

Valoraranse o calendario para a disputa dos diferentes partidos do torneo (que adoita organizarse entre os meses de xaneiro e xuño), os prazos de inscrición ou o sorteo para os emparellamentos.

Ademais, a xuntanza permitirá abordar a situación actual dos clubs e as súas necesidades. O obxectivo é poñer en común a realidade do deporte rei na provincia e establecer posibles vías do colaboración que permitan manter o amplo tecido social que crean estas entidades deportivas, nas que participan milleiros de nenos e adultos en toda a provincia.

De aí, precisamente, a oportunidade de impulsar un torneo que integre tamén o fútbol feminino, do que existen 26 equipos na provincia, e o fútbol base, no que poderían participar os preto de 400 equipos das categorías xuvenil, cadete e infantil actualmente existentes en Pontevedra.

10 de novembro de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.