publicidade hoxe

Lousame abre o prazo de inscrición para un curso de agricultura e gandería ecolóxica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame abre o prazo de inscrición nun curso de agricultura e gandería ecolóxica, que será impartido por membros da Asociación para o Desenvolvemento da Produción Ecolóxica (DEPROECO). Unha iniciativa que terá lugar no local social de Cruído o próximo luns 24 de novembro, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:30 horas.

Durante as 6 horas do curso, os alumnos e alumnas achegaranse á normativa aplicable á produción ecolóxica, ao tempo que analizan as características básicas da produción ecolóxica, tanto animal como vexetal. Así mesmo, os técnicos de DEPROECO informarán sobre as axudas e subvencións dispoñibles para a produción ecolóxica e explicaranlle aos alumnos como comercializar e promover os seus produtos.

Os veciños e veciñas interesados en participar neste Curso de Agricultura e Gandería Ecolóxica deberán anotarse antes do 20 de novembro en DEPROECO, a través dos teléfonos 982 246 762 ou 687 806 797. O prezo do curso é de 8 euros e é preciso contar cun mínimo de 15 persoas para que o curso teña lugar. Máis información, no Concello de Lousame (981 820 494).

DEPROECO é unha entidade nacida en Arzúa e conformada por enxeñeiros agrónomos, técnicos agrícolas, veterinarios, agricultores e gandeiros de Galicia. Entre as súas fins figuran a promoción da produción e consumo de alimentos e bens procedentes da produción ecolóxica, defender a produción ecolóxica en Galicia e realizar actividades de formación para o fomento e control dos produtos ecolóxicos.

12 de novembro de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.