Lete Lasa eloxia ao remeiro Jaime de Haz que ostenta o título de campión do mundo sub 23

Lete Lasa con Jaime de Haz
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, eloxiou, hoxe, ao remeiro vigués Jaime de Haz Iraurgui, campión do mundo sub 23, por ter mostrado que “cando á paixón por acadar unha meta, as persoas unimos o esforzo, a perseveranza e a confianza en nós mesmos, a recompensa chega sempre, antes ou despois”.
O deportista do Club Náutico de Vigo, medalla de ouro no Mundial sub 23 de Varese (Italia) celebrado en xullo, foi recibido esta mañá polo titular da Secretaría Xeral para o Deporte e pola delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo, nun acto no que estivo acompañado polo seu adestrador, Arturo Abruñedo.
Lete Lasa salientou a boa traxectoria de Jaime de Haz nos seus catro anos coa selección española sub 23, destacando a recente conquista do que era o seu sono, o ouro acadado este verano na proba 4 sin peso lixeiro, logo de ter competido en 4 scull lixeiro e dobre scull lixeiro nos mundiais de 2011 a 2013. A nivel nacional, no campionato de España de clubs celebrado en xuño deste ano acadou o bronce da categoría absoluta e a prata da sub-23 nas probas 1x.
O deportista afronta a nova tempada xa como absoluto e foi convocado recentemente pola Federación Española de Remo para participar na concentración que tivo lugar en Sevilla do 5 ao 14 de novembro, coa que se abre a preparación cara ao Mundial absoluto de Francia (Aiguebelette, 29 agosto-5 setembro) e aos Xogos Olímpicos de Río 2016.
O responsable de Deportes da Xunta desexou ao remeiro que, nesta nova etapa que agora comeza, manteña o mesmo espírito e actitude que lle axudaron a chegar ao más alto do podio, e que deste xeito siga contribuíndo a proxectar os valores do deporte galego nas competicións nacionais e internacionais.
As primeiras probas ás que Jaime de Haz terá que enfrontarse como sénior terán lugar a finais de xaneiro, concretamente o Campionato de España de Remoergómetro e o Nacional de longa distancia, que se celebrarán en Tortosa (Tarragona) o 31 de xaneiro e 1 de febreiro.











