Lete Lasa comproba as obras de mellora da pista polideportiva no paseo da Xunqueira de Redondela

Lete Lasa na visita a Redondela
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou hoxe a localidade de Redondela para coñecer o resultado da reforma da pista polideportiva do Paseo da Xunqueira, acompañado polo alcalde da localidade, Javier Bas, e outros membros do goberno local.
A mellora desta instalación consistiu no acondicionamento do pavimento da pista co fin de favorecer mellores condicións para a práctica deportiva.
Na súa visita, Lete Lasa eloxiou a vitalidade de Redondela e de toda a súa comarca na práctica deportiva, especialmente entre os máis novos, e amosou a súa satisfacción por poder colaborar co concello da localidade na mellora dunha instalación básica que da un servizo continuo aos veciños no eido da actividade física.
Nesta mesma liña quixo destacar a ampla participación dos colexios e das entidades deportivas de Redondela no programa lúdico deportivo Xogade que promove a Secretaría xeral para o Deporte. Dende o inicio do curso 2014-15 participan neste programa preto de 700 escolares, destacando especialmente as modalidades de balonmán, fútbol sala e baloncesto.
O titular de Deportes da Xunta animou aos responsables do goberno local a seguir traballando no fomento do deporte, en colaboración coas entidades deportivas, centros educativos e colectivos veciñais, estendendo a súa práctica a todos os sectores da poboación como ferramenta de saúde, de crecemento persoal e de detección de novos talentos deportivos.











