Julián Villanueva analizará en Santiago as novas tendencias en mercadotecnia dixital

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O IESE Business School, a Escola de Dirección de Empresas da Universidade de Navarra, celebrará mañá xoves, 13 de novembro, a partir das 18:00 horas, no Colexio Maior a Estila de Santiago de Compostela (Avda. de Coimbra, 1), a conferencia “Tendencias na mercadotecnia dixital”, impartida polo profesor Julián Villanueva. Este acto enmárcase no Programa de Continuidade 2014-2015 da Agrupación de Membros desta entidade educativa.

Durante a sesión, que terá un enfoque eminentemente práctico, ofreceranse as claves para transformar dixitalmente unha compañía, profundarase nas tendencias de mercadotecnia dixital para os próximos anos e analizarase o cambio que supuxo a aparición de novos medios online.

Julián Villanueva é director do Departamento de Dirección Comercial do IESE. Conta cun Ph.D. in Management (Mercadotecnia) da Universidade de California, un MBA do IESE e unha Licenciatura en Económicas e Empresariais da Universidade Complutense de Madrid. É experto en mercadotecnia dixital, venda ao público, xestión da forza de vendas e a relación entre o gasto en mercadotecnia e o seu efecto a longo prazo.

Antes de incorporarse ao IESE como profesor, traballou para Promodès (actualmente, Carrefour) como xefe de produto no departamento de marca branca. Foi consultor de grandes compañías, como Telefónica, Grupo Santander, Bankinter, Caprabo, Eroski, Antonio Puig, Mastercard ou Nestlé, entre outros; en temas como estudos de mercado, cadros de mando de mercadotecnia, segmentación de clientes, recomendacións de posicionamento, expansión internacional e estratexia de mercadotecnia xeral.

Sobre o IESE

O IESE Business School, a Escola de Dirección de Empresas da Universidade de Navarra, é un dos dez centros máis prestixiosos do mundo deste campo educativo, sendo pioneira na formación executiva en Europa desde a súa fundación en 1958 en Barcelona. Posúe campus en Madrid e en Barcelona, un centro en Nova York e oficinas en Múnic e São Paulo. Organiza e dirixe programas en catro continentes.

En Galicia, o IESE conta con preto de 500 antigos alumnos, e imparte un Programa de Desenvolvemento Directivo -PDD- anualmente en Santiago de Compostela.

12 de novembro de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.