Jorge Mira impartirá no IES de Fene a charla “A ciencia no punto de mira”
No marco do programa “Fene coa ciencia en galego”, o profesor Jorge Mira, moi coñecido polas súa participación en diferentes programas televisivos, impartirá este mércores, 12 de novembro, unha charla no IES de Fene. Baixo o título “A ciencia no punto de mira”, a conferencia principiará ás 12,30 horas e os seus destinatarios serán os estudantes deste centro educativo.
Jorge Mira acadou sona para o público grazas ás súas colaboracións en programas televisivos como “Que serán?”, “Arrampla con todo” e “Ciencianosa”; experto en cifras no concurso “Cifras e letras” e co-presentador do concurso “Verbas van”. Pero tamén ten participado en programas radiofónicos e escrito artigos en prensa.
A charla que impartirá en Fene toma nome do seu primeiro libro, publicado en 2010 e conta no seu currículum con distincións como o Premio da Real Sociedad Española de Física na modalidade de ensinanza e divulgación da física.
O programa “Fene coa ciencia en galego” é unha iniciativa conxunta dos centros de ensino da localidade –a través dos Equipos de Dinamización Lingüística- e máis o Concello de Fene –a través da Concellería de Cultura e Normalización Lingüística-.
Así mesmo, o Concello de Fene lembra que continúa aberto o prazo de recepción dos traballos do concurso “Ciencia contada e debuxada”. Un certame de debuxos e relatos curtos relacionados coa ciencia e a ciencia-ficción. Segundo a Concellería de Cultura, trátase de pór en valor a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e benestar da sociedade e un maior recoñecemento social destas actividades, así como un achegamento ao traballo científico e ás profesións de científicos e tecnólogos. O citado prazo rematará o 27 de novembro ás 11 horas e será persoal de Cultura quen pase polos centros de ensino para recoller os traballos. Os destinarios son alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato dos centros feneses e as correspondentes bases poden consultarse na web municipal. A entrega de premios faráse nun acto público o 16 de decembro.











