“Inserta 4” acada case o 40% de inserción laboral en Ferrol antes da fase de prácticas
Un total de 80 persoas empadroadas no municipio e en situación de desemprego participan no programa integrado para o emprego “Inserta 4”, posto en marcha pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol o pasado mes de setembro e que se prolongará ata o 30 de abril de 2015. Actualmente, os participantes están completando as 310 horas de formación e cando rematen este proceso formativo iniciarán as prácticas laborais. Neste senso, a edil responsable dos programas de fomento da empregabilidade do Executivo local, Martina Aneiros Barros, sinalou que se está en contacto con máis dunha trintena de empresas de Ferrol e comarca que colaborarán na fase de prácticas. A día de hoxe a inserción laboral do “Inserta 4” é dun 37,5%, porcentaxe que dende a Área de Emprego se confía en supera cando a formación dos beneficiarios sexa completa e a iniciativa esté rematada ao cento por cento.
O programa integrado “Inserta 4” busca a colocación no mercado de traballo de persoas desempregadas a través da combinación de accións de orientación e información laboral, asesoramento para o autoemprego, formación ocupacional e práctica laboral. Os participantes neste proxecto pertencen a algún dos seguintes colectivos: mozos menores de 30 anos, mulleres, mozos menores de 30 anos con baixa cualificación e persoas desempregadas en risco de exclusión social. As actividades formativas do programa integrado para o emprego “Inserta 4” se centraron en habilidades sociais, informática para a busca de emprego, manipulación de alimentos, atención ao cliente e técnicas de venda, manipulador de carretillas e pontegrúa, PRL básico, marca persoal, intelixencia emocional e executiva, e a atención ao público en inglés.
O caracter innovador deste programa para o emprego consiste na busca de diferentes alternativas para a inserción laboral integral das persoas con maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo, baixo un enfoque que permita o deseño personalizado dun plan adaptado ás necesidades de cada persoa beneficiaria, así como das necesidades das empresas nas que os participantes realizan prácticas ou son inscritas. Do deseño do contido do “Inserta 4” e do itinerario formativo e de inserción dos participantes no mesmo ocúpanse os técnicos que traballan no Centro Municipal de Emprego.
Nivel de colocación
Os datos de programas anteriores do Inserta poñen de manifesto a importancia desta iniciativa de formación e inserción laboral no que atinxe á porcentaxe de colocación que acada entre os seus participantes:
– Inserta 1 (2011-2012): 52% de inserción no mercado laboral.
– Inserta 2 (2012-2013): 50% de inserción no mercado laboral.
– Inserta 3 (2013-2014): 65% de inserción no mercado laboral.
– Inserta 4: (2014-2015): Até o día de hoxe o 37,5% dos beneficiarios están traballando.
Cómpre sinalar que as persoas participantes no “Inserta 4” teñen un seguimento personalizado a través dun dobre sistema de titorías: colectivas e individuais, de xeito que o seu acompañamento é continuo ao longo do programa. Así mesmo, paralelamente á formación execútanse actividades de orientación en grupo destinadas a traballar Habilidades Sociais. Esta orientación inclúe módulos de talleres de curta duración nos que se ensinan a utilizar técnicas e ferramentas de busca de emprego que permitirán á persoa desempregada elaborar o seu propio plan persoal de acción para a busca activa de emprego. Así, nestas clases trabállanse habilidades sociais como a autoestima, autocoñecemento persoal, comunicación, asertividade, crítica, etc…en definitiva, formación no campo laboral e en aspectos persoais e de interacción social.
O “Inserta 4” realízase coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través das subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas integrados para o emprego durante os anos 2014 e 2015.











