Inícianse as obras de remodelación do paseo peonil de Rodrigo de Mendoza
A construtora Marconsa, adxudicataria do proxecto de remodelación da zona peonil de Rodrigo de Mendoza, comezou onte as obras nas que se investirán 106.435 euros para acondicionar o estragado paseo. Representantes do Concello e da empresa mantiveron o venres unha xuntanza con representantes das comunidades de veciños da zona a efectos de informarlles do plan de traballo. As obras desenvolveranse en tres tramos comezando polo que enlaza coa ponte de Santa Eulalia para acabar no entronque con Doutor Tourón.
A concelleira de Obras, Ana Granja, xunto co enxeñeiro municipal e responsables de Marconsa informaron á veciñanza sobre o o plan de traballo a seguir durante as próximas semanas a efectos de que saiban como lles van afectar e tratar de reducir ao mínimo posible as molestias que as obras soen producir, especialmente nunha zona onde hai acceso a garaxes.
Para minorar os inconvenientes, os traballos dividiranse en tres tramos. A primeira zona na que se actuará será a comprendida entre a ponte da rúa Santa Eulalia e a ponte peonil das palmeiras. Unha vez completado este tramo, continuarase dende aí ata a pasarela de madeira sobre o Con e finalmente acometerase o tramo final que remata en Doutro Tourón.
Co obxecto de que as obras non impidan a circulación dos vehículos dos usuarios de garaxes, realizarase primeiro a metade lonxitudinal dun tramo e logo a oposta. Deste xeito sempre se poderá circular por unha beira ou outra do paseo.
A remodelación do Paseo peoníl de Rodrigo de Mendoza execútase a través do Plan Urxente de Mantemento e Servizos Municipais 2014 da Deputación Provincial. O Concello promoveu a realización deste proxecto co obxectivo de mellorar unha zona de paseo que se atopa moi deteriorada polo paso do tempo e polo paso dos vehículos que acceden aos garaxes da zona. O proxecto redactado polo Concello prevé a reposición das beirarrúas e tamén da calzada, cuxo pavimento actual se atopa totalmente estragado con zonas afundidas e rotura de baldosas que dificultan tanto o paso de peóns como dos vehículos que teñen nesa zona peonil a entrada dos seus garaxes.
As obras consistirán no levantamento total das baldosas actuais tanto das beirarrúas como da zona central. As novas beirarrúas rebaixaranse para quedar ao mesmo nivel que a zona de paso de vehículos, pero diferenciaranse desta porque se cubrirán con lousas similares ó das rúas adxacentes (Arcebispo Xelmírez e Fariña Ferreño). O paso central, polo que excepcionalmente circularán os vehículos para acceso a garaxes, habilitarase con formigón impreso, material moi resistente que garantirá unha maior durabilidade.
Entre as melloras ofertas pola empresa e que se incluirán no proxecto atópanse a renovación e colocación da canalización principal de saneamento nun tramo de 100 metros de lonxitude e a realización das acometidas individuais á rede xeral. Ademais, a empresa asume un aumento da calidade no material a empregar para a construción do bordo das beirarrúas, previsto inicialmente en formigón, e que grazas a esta mellora será de granito.











