publicidade hoxe

Industria promove 75 proxectos no sector da tella que mobilizan máis dun millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMesía
A-
A+
O director xeral de Enerxías e Minas na visita a Campo Brick

O director xeral de Enerxías e Minas na visita a Campo Brick

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe as instalacións da coruñesa Campo Brick, onde destacou a importancia desta empresa no sector da tella en Galicia, contribuíndo á fixación de riqueza e á creación de emprego. Neste sentido, Bernardo Tahoces sinalou que, co obxectivo de seguir colaborando no desenvolvemento desta industria, a Consellería promoveu este ano un novidoso Plan Renove que permitiu impulsar 75 proxectos de renovación de cubertas de edificios empregando este material, o que se traduce nunha mobilización de investimentos de máis dun millóns de euros.

“Trátase da primeira vez que este programa atende á industria da tella galega, incorporando tamén aos sectores da lousa e do granito co obxectivo de contribuír á súa dinamización e ao impulso do sector da construción a través do incremento da demanda”, salientou o director xeral de Enerxía e Minas.

Neste contexto, Bernardo Tahoces salientou que o programa permite mellorar a competitividade do sector e promover a eficiencia enerxética nas vivendas galegas, que acadan deste xeito un importante aforro económico. Para isto, o plan concedeu apoios do 30% do custo das iniciativas seleccionadas, chegando ata os 55 euros por metro cadrado na renovación das cubertas con tella.

O Plan Renove de Lousa, Granito e Tella permite o mantemento e a creación de 500 postos de traballo, apoiando ás familias galegas na renovación das cubertas e fachadas dos edificios de vivendas a través de materiais de alta calidade. Non en van, os tres materiais posúen importantes características que os converten en elementos de gran calidade para o seu uso e que contribúen á redución dos consumos enerxéticos.

Deste xeito, apuntou Bernardo Tahoces, a Consellería de Economía e Industria segue a fomentar o aforro e a eficiencia enerxética ao tempo que, neste caso, contribúe á dinamización comercial destes sectores. Así, nos últimos cinco anos o Goberno galego ten destinado preto de 3,5 millóns ás industrias da lousa e do granito, a través do desenvolvemento de dous Renoves de lousa, a realización de accións encamiñadas á mellora competitiva e á innovación, ou a colaboración con clústers empresariais e centros tecnolóxicos, que realizan unha importante labor de I+D+i en materia de prevención de riscos laborais.

3 de novembro de 2014 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.