publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ignacio Cabezón presentará este venres a XVI edición da Revista de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, presidirá este venres o acto de presentación da XVI edición da Revista de Neda. Un acto sinalado no calendario cultural da real vila ao que están invitados todos os veciños e veciñas a partires das 20,30 horas na Casa da Cultura. O rexidor estará acompañado pola concelleira de Cultura, Eva Olmo; o director da propia revista, Manuel Pérez Grueiro; o director da revista Cátedra, Alexandre Caínzos, á súa vez bibliotecarioarquiveiro do Concello de Pontedeume, e o director da revista Anuario Brigantino, Alfredo Erias, director tamén do Museo das Mariñas e bibliotecario e arquiveiro do Concello de Betanzos. Invitados de excepción para analizar o contido e os artigos que recolle este ano a Revista, así como abordar a súa experiencia como directores das revistas dos seus concellos.

Neste sentido, o alcalde quixo expresar públicamente o seu agradecemento a Manuel Pérez Grueiro, quen durante máis de trinta anos exerceu como bibliotecario de Neda, dirixindo a citada publicación. Tamén á Deputación Provincial da Coruña, que colaborou de forma decisiva na financiación da revista. Unha revista que, tras a súa presentación, sairá á venda en librerías de toda a comarca e pasará a engrosar os fondos bibliográficos dos centros municipais e asociacións, onde a cidadanía poderá consultala.

A Revista de Neda está estructurada en tres partes: Biografías, Homenaxes e Lembranzas; Humanidades, e Ciencia e Técnica. Neste número conta cunha vintena de firmas colaboradoras, entre as que se atopan autores que desexan realizar a súa aportación ás páxinas dun modo anónimo. No extremo contrario, entre os articulistas están Vicente Araguas, Tomás Casal, Fernando Cendán Pazos, Juan José Rodríguez de los Ríos, J. Alvaro Porto Dapena, Francisco Javier Pérez Suárez, María Luaces Rodríguez, Pablo Cervantes e Diego Grandal, Mónica Barcia e Virgina Jiménez, Juan Rey Fraguela e José María de JuanGarcía, José Carlos Romero Veiga, Henrique Sanfiz Raposo e Natividad Villaamil Abad. A Revista de Neda nacía hai dezaséis anos para dar a coñecer e pór en valor o extenso legado que tiña deixado á súa morte o cronista oficial da vila, Antonio Vázquez Rey.

A publicación era o modo do Concello de homenaxealo. Unha publicación que tamén se abriu á participación de todo aquel que tivese algo que contar. Dezaséis anos despois, Neda ten aínda moita historia por descubrir e, a súa Revista, tenta promover a súa difusión. Por último, o Concello reitera a súa invitación a veciños e veciñas para que acudan este venres á presentación da súa Revista. Un acto que se pechará, como é tradición, con actuación musical. Neste caso, a cargo coa frauta de Fausto Escrigas e a guitarra de Rubén Gómez.

12 de novembro de 2014 | 10:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.