Historia, funcións e técnicas de reprodución das obras de arte centrarán o Encontro de Conservación e Restauración
A historia, funcións e técnicas de reprodución de obras de arte centrarán o IV Encontro de Conservación e Restauración, que se desenvolverá no auditorio do Sexto Edificio do Museo, organizado pola Deputación de Pontevedra e a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
O encontro foi presentado esta mañá en rolda de prensa pola deputada responsable de Cultura, Ana Isabel Vázquez; o director da Escola, José Antonio Quinteiro Otero; o director do Museo, Carlos Valle; e a xefa de estudos da Escola de Conservación de Galicia, Andrea Fernández, que destacaron o papel primordial que os moldes e réplicas desempeñaron ó longo da historia e seguen a desempeñar na conservación, estudo e divulgación do patrimonio histórico-artístico.
As xornadas terán lugar do 19 ó 21 de novembro, estruturadas en tres bloques. No primeiro, baixo o título Historia e funcións. As reproducións no ámbito da protección do patrimonio, tratarase de facer un achegamento á historia das reproducións artísticas e ás súas diversas funcións da man de relatores de gran prestixio, coma o responsable da colección de reproducións artísticas do Museo Nacional de Escultura, Álvaro Campano Lorenzo; o director do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira, J. A. Lasheras, que falará do proxecto museolóxico da reprodución de Altamira; ou o conservador Víctor Hugo Borges, do Victoria & Albert Museum.
O segundo día, 20 de novembro, a xornada terá unha orientación máis técnica. Nela trataranse os métodos máis novos de reprodución de obras artísticas, incluída a dixitalización ou os novos materiais empregados para a elaboración de moldes e réplicas.
Neste apartado intervirán o director técnico de Resinas Castro, que presentará novos materiais; Carlos Bayod, arquitecto de Factum Arte, empresa autora da réplica exacta da tumba de Tutankamón; e un representante de Google, que disertará sobre dixitalización e cultura.
Un dos temas centrais desta segunda xornada será a análise e exposición de como se está a realizar a réplica do tímpano de Palmou, pertencente ó Museo de Pontevedra.
Tímpano de Palmou
Esta exposición correrá a cargo do propio director da Escola de Restauración, José Antonio Quinteiro. Na rolda de prensa desta mañá avanzou que se trata dun interesante traballo que está a realizar o propio centro de formación nas instalacións do Museo de Pontevedra, utilizando novos materiais e as últimas tecnoloxías, de forma que se obterá unha copia exacta sen “dano ningún” para o orixinal. Asegurou que as técnicas utilizadas teñen “unha capacidade de rexistrar as pezas absoluta, chegando a copiar ata o último gran de area”.
O obxectivo é dobre: por unha banda, conseguir unha réplica exacta para o propio Museo; pola outra, facilitarlle un modelo á Escola de Canteiros para que faga unha copia exacta en pedra que poida ser instalada no seu lugar orixinal, Lalín.
O terceiro apartado, que se desenvolverá o 21 de novembro, centrarase na Conservación de reproducións porque moitas reproducións son, hoxe en día, verdadeiras obras de arte, cun gran valor histórico e artístico.
Neste bloque intervirán o xefe do obradoiro de Restauración de Xesarías e Azulexados do Padroado da Alhambra e o Xeneralife, Ramón Francisco Rubio Domene, e responsables da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, que disertarán sobre a colección de xesos históricos deste centro.
Carácter único
A deputada Ana Isabel Vázquez congratulouse do éxito que están a acadar estes encontros de restauración, xurdidos en 2011 e que teñen un carácter “único no noroeste peninsular”, converténdose nun lugar para abordar os avances que se producen en materia de conservación e restauración e para intercambiar experiencias entre as persoas que traballan neste campo.
Ata o de agora son xa 200 os inscritos nas xornadas, e as previsións apuntan a que, ó longo do día de hoxe ou nas próximas xornadas, se completará o aforo (240).
Orixinal ou copia?
Nesta ocasión, de forma paralela ás xornadas, desenvolverase unha exposición na Escola de Conservación, na que, baixo o título Orixinal ou copia?, se contemplará unha ampla mostra de moldes e réplicas e coa que poderemos achegarnos á realidade deste traballo na provincia de Pontevedra.
Carlos Valle recalcou que a provincia de Pontevedra, co Museo provincial e a súa antecesora a Sociedade Arqueolóxica, “foron avanzados no uso dos moldes e das réplicas”. Lembrou que foi a Sociedade Arqueolóxica a “que comezou a facer moldes de petróglifos, e, sorprendentemente, algúns deses moldes son hoxe o último vestixio que queda de determinados petróglifos que desapareceron fisicamente”.
Algunhas destas réplicas que actualmente están en exposición permanente no Museo poderán tamén contemplarse na mostra da Escola de Conservación.











