Gustavo Rodríguez proclámase Campión de España de longa distancia en Arrecife

Gustavo Rodríguez no podio
Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) logrou hoxe en Arrecife (Lanzarote) proclamarse campión de España de Longa Distancia e gañador da quinta edición da Ocean Lava Arrecife Lanzarote Triathlon. Espectacular tempada a do galego que suma este título á medalla de bronce no Europeo de Tríatlon de Media Distancia. Na natación, como é habitual en el, foi onde perdeu máis tempo. Saíu da auga destacado Víctor Manuel González, mentres que Richard Calle (campión de España 2013) tamén fixo un bo rexistro. Así que a Gustavo lle tocaba remontar posicións e iso foi o que fixo no segmento de bicicleta ata acadar o liderato. Pola súa banda, Víctor del Corral foi reducindo diferenzas con respecto á cabeza de carreira ata alcanzar a Gustavo Rodríguez.
Desta forma, del Corral comezou a carreira a pe como líder en solitario, pero tivo que retirarse con problemas físicos e Gustavo atopouse cun final de proba moito máis sinxelo do esperado. Chegou a meta na primeira posición cun tempo de 6 horas, 19 minutos e 18 segundos. Nicholas Ward (Triactiv Lanzarote) na súa volta a Lanzarote, facía o segundo posto da Ocean Lava Arrecife Lanzarote Triathlon cun crono de 6:24:50. O podio da categoría masculina completábase co terceiro posto de Paul Santos (6:35:48). En canto ao Campionato de España de Longa Distancia, Gustavo Rodríguez é o novo campión nacional, estando franqueado no podio por Paul Santos e Alejandro Jiménez, respectivamente.
Os percorridos desta durísima proba foron de 3.000 metros de natación con saída dende a praia do Reducto, 120 quilómetros de bicicleta por paraxes espectaculares (Femes ou Timanfaya) e 30 quilómetros de carreira a pe.











