Gran expectación ante a posible chegada de Teresa Romero a Becerreá
Becerreá, un municipio da montaña de Lugo de apenas 3.000 habitantes censados, vive con expectación a posible chegada nas próximas horas da que se converteu na súa veciña máis coñecida, a auxiliar de enfermaría Teresa Romero, a primeira paciente contaxiada de ébola fóra de África, quen este mércores abandonou o Hospital Carlos III despois de 30 días ingresada.
Unha amiga da nai de Teresa Romero que esta tarde se achegou ata o seu domicilio comentou aos numerosos medios de comunicación apostados ante o inmoble que Jesusa Ramos lle ten a cama e a cea preparada. Cando aínda permanecía hospitalizada, a súa filla transmitíralle o seu desexo de “comer caldo e chourizos da aldea”.
Segundo esta muller, que preferiu non dar o seu nome aos medios, nai e filla falaron e Teresa Romero confirmoulle que xa saíron de Madrid e que ela e o seu marido veñen “de camiño a Becerreá”. Jesusa Ramos expresoulle que está a “desexar vela”.
Pola súa banda, Becerreá mantén a súa intención de nomear a Teresa Romero filla adoptiva, segundo confirmou o alcalde, Manuel Martínez. Non obstante, indicou que esperará aos próximos días para trasladarlle formalmente esta proposta porque a coñecida veciña aínda está a repoñerse e aínda debe aceptar que se lle realice este recoñecemento.