‘Galicia e galegos’ en Verín
Dende mañá sábado 08 e ata o día 29 de novembro, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra colectiva ‘Galicia e galegos’, presentada pola Asociación Fotográfica “O Potiños” para o Outono Fotográfico 2014.
“Na percura da identidade escarvamos nas nosas raíces, na nosa xente e na nosa cultura, chea de feiras, romarías, música, entroido, festa, … e como paisaxe de fondo sempre o verde, o paraugas , a luz pelexando coa néboa pecha. Topamos tamén a alteridade: nos milleiros de peregrinos que camiñan cara Compostela, e tamén dentro de nós mesmos, nesa parte do noso interior que descoñecemos e que moitas veces nos sorprende. Atopamos esa foto creada pola luz, esa imaxe que nos devolve o espello … Pero aínda nos quedan moitas cousas fora do encadre: a Galicia industrial, moderna, urbana, tecnolóxica … Quedan cousas para facer mil exposicións máis. Pero, de momento, esta é a nosa proposta: Galicia e galegos, identidade e alteridade, luces e sombras, maxia e misterio …”
Así definen desde a Asociación Fotográfica “O Potiños” esta mostra, que cunha visión antropolóxica da fotografía, recolle paisaxes, xentes e maneiras de vivir do noroeste da Penínsua Ibérica. As 28 imaxes positivadas desta exposición colectiva foron realizadas por membros da Asociación Fotográfica “O Potiños” de O Carballiño, e están realizadas tanto en blanco e negro como en cor. A exposición poderá visitarse de luns a sábado en horarios comprendidos entre as 10 e ás 14 e das 17 ás 19.30 horas.
Asociación Fotográfica “O Potiños”
A Asociación Fotográfica “O Potiños” naceu no Carballiño no ano 1985. De Don Gabriel Alonso, fotógrafo profesional popularmente coñecido polo nome de “O Potiños”, tomou o nome a asociación. Dende a súa creación a asociación permaneceu activa, desenvolvendo diversas iniciativas, todas relacionadas coa fotografía. Maratóns fotográficos, concursos fotográficos, exposicións, cursos de fotografía, saídas en grupo a diversos lugares para tomar fotografías, participación en varias edicións do Outono Fotográfico, con exposicións colectivas como tamén con exposicións individuais dalgúns dos seus membros, entre outras. Ao longo de todos estes anos a asociación e os seus membros viñeron expoñendo as súas fotografías en moitos lugares (Ourense, O Carballiño, Lalín, Santiago de Compostela, Oleiros, Viveiro, ou Malpica). Dúas exposicións que paga a pena destacar dun modo especial. Unha no ano 2005, no Mosteiro de Oseira, que mostraba unha importante colección de imaxes en branco e negro do Mosteiro e do seu ámbito. Outra é a exposición colectiva que se fixo en Monçâo (Portugal), no mes de marzo do ano 2010, que foi seguida logo de varias mostras individuais dalgúns dos membros da asociación nos meses de maio, xullo e setembro dese mesmo ano.
Ao longo dese periplo de case trinta anos, a asociación foise adaptando aos diversos cambios tecnolóxicos que se produciron no mundo da fotografía. Da cámara analóxica á dixital, do revelado de fotos en branco e negro no cuarto escuro ao revelado no ordenador con programas informáticos. Pero sempre sen perder o fío esencial: a fotografía como arte. No caso de Verín, é a segunda mostra que expoñen este ano, tras a de ‘Distintas Miradas’ que tivo lugar duarnte o pasado mes de marzo.











