Funergal consolídase como cita internacional con 90 expositores de 9 países

Presentación de Funergal
Na súa segunda edición como feira internacional, Funergal supera as cifras de participación de anos anteriores e sitúase como cita mundial do sector funerario, reforzada polo feito de ser o único evento profesional celebrado na Península Ibérica en 2014. Co obxectivo de fomentar o negocio e a competitividade das empresas a nivel internacional, a Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios celebrarase en Expourense, os días 7 e 8 de novembro e contará coa presenza de 90 expositores (un 10% máis que en 2012) e coa participación de empresas de 9 países (China, Colombia, España, Estados Unidos, México, India, Italia, Polonia e Portugal).
Funergal 2014 foi presentada esta mañá na Cámara de Comercio de Ourense nun acto no que participaron o vogal da Cámara, Antonio Villaverde, o representante en Galicia da Asociación Nacional PANASEF, José Luís Varela, o presidente da Asociación de Empresas Funerarias de Ourense (APEFO) e do comité asesor de Funergal, Antonio García-Aliende, e o director xerente de Exporuense, Alejandro Rubín. Todos eles destacaron as boas perspectivas coas que conta a feira, tanto a nivel de negocio como de previsión de visitas de profesionais de toda España e Portugal.
Estas cifras ratifican a súa condición de ‘Feira Comercial Internacional’ outorgada pola Secretaría de Comercio Exterior do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España. Cabe destacar o feito de que estarán presentes como expositores de Funergal os catro grandes grupos funerarios do sector en España (Mémora, Funespaña, Interfunerarias e Albia) e as principais asociacións sectoriais de España, Portugal e América Latina.
Funergal 2014 incidirá no seu obxectivo de contribuír á internacionalización das empresas participantes con accións como a misión comercial inversa organizada pola Cámara de Comercio de Industria de Ourense que traerá ata a feira a importadores de México e Colombia, mercados emerxentes de gran interese para os empresarios españois.
Xornadas Técnicas
Outro dos obxectivos de Funergal será a actualización dos profesionais do sector a través dun completo programa de Xornadas Técnicas. Entre os temas abordados destacan as novidades inminentes na Normativa Sanitaria Mortuoria (está a piques de aprobarse a adaptación á lei autonómica da Normativa Europea), que abordará a Consellería de Sanidade e as repercusións da mesma na actividade das empresas funerarias. Esta normativa virá simplificar a tramitación das empresas do sector e igualar as diferenzas de lexislación entre comundiades autónomas.
Outros temas serán as estratexias para afrontar a subida do IVE, os riscos laborais no sector ou a mercadotecnia emocional personalizada. A aplicación das novas tecnoloxías será outro dos aspectos tratados nestas xornadas que acollerán a presentación de novidades como o Taboleiro de Necrolóxicas en liña e de webs como www.funerariadeguardia.com (buscador de empresas funerarias por concello) ou www.misultimasvoluntades.com (na que o usuario pode deixar por escrito como lle gustaría que fose o seu enterro ou aquilo que non se atreveu a dicir en vida. A empresa comprométese a facer chegar as súas mensaxes unha vez falecido).
Actividades
Xa consolidada como punto de encontro profesional, Funergal amplía o seu programa de actividades con exposicións, publicacións de contos e proxección de curtos profesionais que poden atraer a público xeral interesado por disciplinas que tamén están vinculadas ao sector funerario como poden ser a arquitectura, a literatura, a arte ou o cine. O obxectivo é abrirse á sociedade, a través dun espazo denominado ”Sala de Arte, Literatura e Cine”, que contribuirá a normalizar o concepto da morte como parte do ciclo da vida.
Entre estas actividades, destaca a exposición do Grupo Mémora “A outra cara da vida, cultura funeraria onte e hoxe”. Trátase dunha mostra de arte funeraria conta con máis dun centenar de pezas de enxovales representativas das civilizacións mediterráneas.
Pola súa banda, Funespaña realiza un completo programa de actividades. A primeira delas é unha exposición sobre os cemiterios participantes no Concurso de Cemiterios de España, promovido pola revista “Adiós”. Ademais, repartirán entre os visitantes unha publicación que recolle os “Tanatocuentos” premiados do últimos cinco anos do concurso que organizan.
Os amantes do cine poderán gozar das curtametraxes seleccionadas do Festival “Visualizame” que ofrecen unha visión da morte en feminino e abordada desde a esperanza, a autocrítica e a ironía. Estes curtos serán presentados pola directora do festival, Yolanda Cruz, que tamén é directora de cine e guionista.
Premios Funergal
Funergal convocou Premios Especiais que recoñecerán as novas iniciativas profesionais e empresariais neste sector. Estes premios convócanse para dar continuidade aos da última edición nos que se celebrase o carácter internacional da feira e se recoñecía a fidelidade dos expositores e colaboradores do evento. As categorías que se contemplarán nesta convocatoria serán: Premio á Mellor Caseta; Mellor Acción Promocional; Produto/servizo máis Innovador e Internacionalización. Ademais, Funergal acollerá a entrega dos Premios Nacionais da Guía Funeraria que este ano inclúen a categoría de “mellor directivo funerario”.
Novidades
As novidades adiantadas por algúns dos expositores de Funergal indican a tendencia cara a produtos personalizados e respectuosos co medio ambiente. Esta feira é o lugar elixido polos expositores, tanto polos grandes grupos como por PEMES, para presentar as súas novidades en produtos e servizos. Deste xeito, Funergal acollerá a presentación mundial do modelo de vehículo fúnebre “Renault Trafic MOON”, que será presentada polo director de Mercadotecnia de Renault-Dacia de Portugal. Tamén poderá verse fúnebre máis luxoso de Portugal: o primeiro Mercedes-Benz Class R, que foi transformado para usos funerarios.
Unha das empresas galegas proporá en feira “cadaleitos personalizados” realizados “en colaboración” co cliente coa posibilidade de que sexan 100% ecolóxicos.











