publicidade hoxe

Froiz adquire 15 parcelas no polígono de Barro-Meis cunha superficie total de 73.394 metros cadrados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroMeisPontevedra
A-
A+

A empresa Supermercados Froiz adquirirá 15 parcelas no polígono industrial de Barro-Meis _ubicadas no espazo situado entre a AP-9 e as cabinas de entrada hacia ela vindo dende a Vía Rápida do Salnés_ e a firma de autocares Novas Rías, unha parcela de 1.800 metros cadrados situada no interior no parque industrial.

Hoxe tivo lugar na Deputación de Pontevedra a apertura dos sobres de referencias técnicas das ofertas presentadas para a adquisición de parcelas en Barro-Meis, unha vez concluído o pasado 3 de novembro o prazo do concurso convocado.

A oferta de Supermercados Froiz é para a compra de 73.394 metros cadrados de chan industrial distribuídos en 15 parcelas. Pola súa banda, a da empresa de transporte por autobuses, Novas Rías, é para unha parcela de 1.800 metros.

O concurso convocado saldouse, pois, coa venda de 16 parcelas e un total de 75.194 metros cadrados.

A esta cantidade de superficie enaxenada, hai que engadir 22.000 metros cadrados máis, xa adquiridos anteriormente por outras empresas, o que sitúa a cifra de metros de chan industrial vendidos no polígono de Barro-Meis en 97.194 metros, o que sitúa a súa porcentaxe de ocupación en preto do 50% pois o parque industrial tén unha superficie total de 261.000 metros cadrados á que hai que descontar o espazo ocupado por viais e outros servizos.

O vindeiro venres, día 14, abrirase o sobre C coa oferta económica presentada polas anteditas empresas e na sesión plenaria da Corporación Provincial que terá lugar o 28 de novembro será a súa adxudicación definitiva.

O proxecto de Froiz

O proxecto de instalacións de Supermercados Froiz nas parcelas de Barro-Meis inclúe dúas naves _unha de almacenamento de produtos secos e outra, de produtos frescos_ que ocuparán unha superficie total de 26.000 metros cadrados; un anexo á nave principal, para almacenar palés, de 3.500 metros; un edificio de comedor e vestiarios; instalacións de abastecemento de gasoil; un túnel de lavado de camións; e, entre outras construcións, zonas de axardinamento en torno ás naves, nunha superficie de preto de 4.000 metros cadrados.

En vista de que varias empresas se interesaron pola adquisición de parcelas, unha vez concluído o concurso antes mencionado e rematado o 3 de novembro, a Deputación estuda agora fórmulas para abrir un período de enaxenación directa de parcelas.

Algunhas desas empresas gardan relación con tarefas complementarias da actividade de Supermercados Froiz pero, noutros casos, trátase de firmas relacionadas con outros sectores empresariais e industriais.

10 de novembro de 2014 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.