Francisco Conde confía en que PSA e sindicatos cheguen a un acordo
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, trasladou a súa confianza en que a dirección de PSA Peugeot Citroën e os sindicatos poidan atopar “un punto de encontro” no que se dea resposta ás necesidades de cada un deles” e se favoreza a adxudicación da nova furgoneta K9, que supón “un fito fundamental”.
Así o manifestou tras o acto de apertura do I Foro anual RIS 3 Galicia-Norte de Portugal en resposta a preguntas dos xornalistas sobre a mesa negociadora de PSA Peugeot Citroën en Vigo, que se reúne este venres por cuarta vez para tratar de concretar as medidas de axuste laboral.
Desta forma, aínda que aclarou que se trata de negociacións que teñen que desenvolver Citroën e o comité de empresa, manifestou que “todas as partes están a traballar cun obxectivo común”, que consiste en “dotar de capacidades e de competitividade á planta de cara a desenvolver novos proxectos industriais e de innovación vinculados ao sector de automoción en Galicia”.
Por iso, mostrouse convencido de que a mesa negociadora poderá chegar a un punto de encontro en común, que permita á fábrica “responder as necesidades dos traballadores en primeira instancia, e ao mesmo tempo tamén permitir que a factoría poida manter a súa capacidade competitiva”.











