Formalizada a acta de comprobación de replanteo do Centro de Saúde de Tui
Hoxe formalizouse a acta de comprobación de replanteo do centro de saúde de Tui. Deste xeito, dá comezo a obra de construción, tras asinarse o contrato de obra entre o Servizo Galego de Saúde e a Unión Temporal de Empresas FCC+Taboada e Ramos.
Esta mañá visitou os terreos onde se edificará o centro de saúde o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, quen estivo acompañado do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez; do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores; e da directora de Xestión da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo, Pilar Ribeiro, entre outros.
O orzamento da adxudicación é de 4,1 millón de euros para unha superficie construída de máis de 3.500 metros cadrados. O centro, que está cofinanciado ao 80% polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013, enmárcase na Estratexia Sergas 2014 de modernizar as infraestruturas da rede de Atención Primaria para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais.
A obra, que está previsto que se leve a cabo nun prazo de 14 meses, contará con 22 consultas na área de medicina xeral, 4 na área de pediatría, unha área destinada a matrona e educación maternal, unha área de odontoloxía, outra de fisioterapia e salas polivalentes. Na área de administración disporase dun arquivo, almacéns e outros servizos comúns. Terá, ademais, un Punto de Atención Continuada con sala de raios X e cunha zona de consultas e de observación.











