Finalizan en San Sadurniño as xuntanzas veciñais do orzamento participativo
O Concello pechou este mércores en Lamas a rolda de asembleas veciñais para definir os seus investimentos e actuacións de cara ao 2015. Á xuntanza asistiron unha ducia de veciños e veciñas que expuxeron demandas moi semellantes ás recollidas no resto das parroquias, onde as peticións se centraron principalmente na mellora de puntos concretos da rede viaria e doutras infraestruturas públicas. Desde o departamento de Participación veciñal faise unha lectura positiva do proceso asembleario: “houbo menos peticións que outros anos pero as que se fixeron foron moito máis concretas e, ademais, en todas as xuntanzas se xerou un debate moi interesante ao respecto da situación actual dentro e fóra de San Sadurniño”, tal e como explicou o responsable da área, Manolo Varela.
Quen queira facer achegas á colleita de ideas aínda pode facelo a través do enderezo electrónico correo@sansadurnino.dicoruna.es ou ben presentándoas por escrito no rexistro municipal, xa sexa de forma presencial ou a través da sede electrónica do Concello. Todas as iniciativas recollidas debateranse no seo da Mesa de participación veciñal que se reunirá o luns 1 de decembro a partir das 20 h. no salón de plenos.
A Mesa será a encargada de priorizar todas as propostas e de plasmalas nun documento que servirá de guía para a definición e posterior execución dos orzamentos municipais de 2015, que o Concello agarda levar a pleno a finais de ano ou a comezos do que vén. A maior parte das encomendas veciñais centráronse en rebacheos, asfaltados e limpezas de cunetas. Porén, tamén houbo peticións relativas á mellora dalgunhas infraestruturas deportivas e sociais en certas parroquias, a ampliacións de saneamentos e traídas de augas, ou sobre o reforzo das políticas municipais de conciliación e de atención ás persoas maiores.
Non todo foron peticións, senón que grande parte do tempo das sesións se foi en falar de cal é a difícil situación económica e laboral na comarca e de que maneira se poderían minorar os seus efectos, como puidera ser a posta en valor dos montes e do potencial agrogandeiro do municipio.
O titular de Participación veciñal, Manolo Varela, fixo un balance positivo das xuntanzas: “este é o sexto ano de orzamentos participativos e notamos que nas xuntanzas baixa o número de peticións xenéricas. A xente céntrase en cousas concretas, realizables e que precisan algún tipo de solución, conscientes quizais de que a administración non ten unha capacidade ilimitada. Tamén notamos que moitas das propostas son doadas de levar a cabo sen demasiado custe económico, debido en parte a que as actuacións de maior envergadura xa foron solicitadas e executadas noutras anualidades”.
Desde o Concello tamén se destaca que grande parte das solicitudes formuladas pola veciñanza “xa están postas a andar”. Por exemplo, a maioría das obras de arranxo de pistas está previsto incluílas no POS 2015, un programa provincial que San Sadurniño deberá someter á aprobación plenaria nos próximos días. De feito, é posible que o paquete de obras vaia a pleno a finais deste mesmo mes de novembro. O resto de solicitudes que requiran investimentos, igual que noutros anos, “acometeríase con finanzamento propio ou a través de programas coma o PEIM, o Fondo Ambiental ou o DTC”, tal e como sinala a responsalbe de Obras, Amparo Calvo.











