publicidade hoxe

Finalizan as obras de mellora da Praza de Abastos da Pobra do Caramiñal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Pobra do Caramiñal
A-
A+
Belén do Campo na visita á praza da Pobra do Caramiñal

Belén do Campo na visita á praza da Pobra do Caramiñal

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá a praza de abastos da Pobra do Caramiñal, onde veñen de rematar as obras de mellora das instalacións, que foron cofinanciadas polo Goberno galego cunha achega de 104.821 euros, é dicir, o 75% do investimento total.

Segundo indicou Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde, Isaac Maceiras, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, subvencionou esta actuación co fin de incrementar a competitividade do mercado e facelo máis atractivo para os consumidores, de cara a incrementar o número de clientes. As obras, executadas ao longo dos últimos dous meses, consistiron no pintado do interior, a instalación de equipos de conservación do produto fresco, a mellora da iluminación, a reparación dos mostradores e da carpintería do inmoble, a renovación do mobiliario danado e a instalación de paneis informativos, entre outras accións.

O programa impulsado polo departamento autonómico enmárcase dentro da estratexia específica de apoio ao sector comercial que desenvolve a Xunta como unha das claves para a reactivación da economía das vilas galegas e reforza a colaboración do Executivo autonómico cos concellos nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade ao comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.

Outras tres concellos do Barbanza e Noia beneficiados

Antes de que remate este mes de novembro, xunto coa da Pobra do Caramiñal, finalizarán outras tres obras máis para a renovación dos mercados nas comarcas do Barbanza e de Noia, correspondentes ao concellos de Porto do Son, Boiro e Noia. En total, as axudas do departamento autonómico para estes catro concellos chegarán aos 219.000 euros.

A liña destinada por Economía e Industria para a modernización dos mercados municipais contempla axudas de ata un máximo de 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, avanzando así no obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade. Na provincia, as subvencións concedidas suporán un investimento de máis de 827.000 euros en 15 municipios.

O departamento autonómico leva destinado no que levamos de ano 10 millóns de euros a diferentes programas de apoio dentro da estratexia específica de impulso á competitividade do comercio de proximidade, centrada en eixos como o apoio ao asociacionismo, o emprendemento e a apertura de novos establecementos comerciais, a innovación ou a potenciación das prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.

26 de novembro de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.