Finaliza a recollida da produción de mazá ecolóxica na Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Cores Tourís na visita á Estrada

Cores Tourís na visita á Estrada

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá plantacións de maceiras da Fundación para o Desenvolvemento Ecolóxico de Galicia tralo remate da recollida da produción de mazá ecolóxica no concello de A Estrada.

Segundo puido coñecer o delegado territorial, a recolección acaba de rematar e roldou o medio millón de quilos. “O feito de que exista menor produción tamén fará variar o prezo do quilo de mazá que o ano pasado roldou os 0,30 céntimos e esperamos que este ano sexa superior”, explicaron os responsables da Fundación.

A Fundación para o Desenvolvemento Ecolóxico de Galicia conta con máis de 30 socios e máis de 60 hectáreas de plantación de mazá, situadas nas parroquias de Callobre, Moreira, Ancorados, Agar, Loimil, Santeles, Soutodevea e Arca. As parcelas están a dar un rendimento de 15.000 quilos por hectárea, “o que ven a demostrar a importancia deste tipo de produción”, destacou Cores Tourís, quen recordou que o concello de A Estrada conta con gran parte da súa superficie rural concentrada. “A posta en valor destes terreos grazas ao traballo da parcelaria debe vir acompañado do seu aproveitamento económico. Producións como o da mazá ou a do castaño son un exemplo moi interesante para a súa aplicación en grandes extensións”, engadiu o delegado territorial.

As variedades máis abundantes no caso de A Estrada son as de Raxao e Regona, aínda que tamén Rabiosa de Callobre e Teórica. As dúas primeiras dedícanse case exclusivamente para a produción de sidra. “Nestes intres traballamos cun contrato pechado coa sidrería Custom Drinks que pertence a Hijos de Rivera. Así se crea, nas instalacións desta firma en Chandada, unha marca de sidra ecolóxica con implantación internacional: Maeloc”, explicaron os responsables da Fundación. A isto tamén hai que sumar os propios consumidores locais, xa que se están a crear sidrerías artesanais no propio concello de A Estrada. , e que permite a creación dunha marca con implantación internacional como é “Maeloc”.

Grazas á colaboración da Xunta de Galicia coa Fundación para o Desenvolvemento Ecolóxico de Galicia puxose en marcha un novo proxecto de produción ecolóxica 100% que conta xa con 28 hectáreas e 30 produtores. Ademais de mazá, tamén se puxeron en marcha plantacións ecolóxicas de oliveira e castiñeiros. En total, máis de 70 hectáreas.

7 de novembro de 2014 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.