Ferrol mantén aberto o prazo de inscrición do Club de Debate para estudantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol, través da Concellería de Normalización Lingüística que dirixe Martina Aneiros Barros, mantén aberto o prazo para anotarse na actividade “Club de Debate” ata o vindeiro venres 28. A inscrición teñen que facela os centros de ensino e poden apuntar o número de equipos que queiran. A inscrición formalizarase comunicándoo ao Concello de Ferrol, a través do correo electrónico: gnl@ferrol.es ou chamando ao teléfono 981 94 40 14. Unha vez anotados, os equipos ferroláns serán convocados a unha xornada de formación onde se darán a coñecer as normas, tempos, estrutura e a dinámica de funcionamento do certame.

O Club de Debate pretende fomentar a práctica do pensamento crítico, a tolerancia fronte á diversidade de opinión así como o traballo en equipo. Tamén busca favorecer o uso do galego oral en contextos formais -os propios debates- e informais – a convivencia que se xera-. Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria así como o proceso de documentación sobre os temas dos debates. O Concello de Ferrol participa neste Club de Debate xunto cos Concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. O certame se desenvolverá como un torneo por equipos en fases locais e galega en que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto. Esta iniciativa está dirixida a estudantes de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), 1º de bacharelato ou ciclos formativos, e cada equipo estará formado por 4 ou 10 membros, que estará dirixido por un preparador -papel que lle corresponderá a un profesor/a do seu centro-.

Diferentes fases

A fase local ten previsto celebrarse entre finais do mes de febreiro e comezos de marzo de 2015. O tema deste debate elixirase por votación entre os propostos polos centros participantes. En canto aos premios, o equipo gañador da competición local, ademais de disputar a final galega, recibirá un premio valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, valorado en 300 euros. A final galega se celebrará o 25 de abril de 2015 e o equipo gañador terá a oportunidade de participar nunha multiaventura dunha fin de semana nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.

24 de novembro de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.