Ferrol inicia a semana micolóxica
O auditorio do Centro Torrente Ballester e o Cantón de Molíns serán os escenarios en que se celebrará a partir de mañá martes e a té o vindeiro sábado 15 de novembro a XXVIII Semana Micoloxica de Ferrol e XXXII Semana Micolóxica de Galicia. A concelleira de Educación do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós; e o secretario da Asociación Micolóxica Viriato, Jose Bouso Garcia, presentaron hoxe a programación deste xa tradicional cita anual co mundo dos cogomelos, que inclúe conferencias, exposicións e unha saída ao monte para estudar sobre o terreo os diferentes tipos de cogomelos.
A Administración ferrolá aporta 3.000 euros para o desenvolvemento desta semana micolóxica en que tamén serán protagonistas os escolares da cidade, que poderán visita a gran exposición de cogomelos que se abrirá nunha carpa que se instalará no Cantón de Molíns, e na que ademais se organizarán obradoiros de plástica e debuxo. Tamén se organiza un concurso de carteis dirixido a alumnos de Primaria de Ferrolterra baixo a lenda “Os cogumelos e o seu mundo”. O debuxo gañador ilustrará, como é habitual, o cartel da vindeira edición desta semana micolóxica. Así mesmo, o auditorio do Centro Torrente Ballester acollerá dende mañá martes un ciclo de conferencias en que se darán cita recoñecidos especialistas no mundo dos cogumelos: Óscar Requejo Martínez, José Castro Ferreiro e Marisa Catro Cerceda.
O responsable da asociación Viriato, Jose Bouso, agradeceu a colaboración do Concello nesta actividade, e destacou que a Semana Micolóxica de Ferrol é unha das máis antigas de Galicia. Así mesmo, destacou o feito de que esta edición local coincida coa celebración da Semana Micolóxica de Galicia o que fará que asistan á mesmas numerosos membros de asociacións de toda Galicia. Así mesmo, valorou de maneira positiva a normativa de aproveitamentos micolóxicos en Galicia feita poa Xunta, xa que “é a primeira que se fai na nosa comunidade e pretende que esta actividade se realice respectando o entorno natural”. Por último, o secretario de Viriato fixo unha chamada á “prudencia porque parece mentira pero todos os anos temos casos máis ou menos graves de ingresos hospitalarios por intoxicacións, así que é importante seguir as recomendacións dos expertos”.











