Ferrol impulsa un programa de formación e intervención en mantemento e conservación de fachadas
O concelleiro de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, presentou esta mañá o “Programa de formación e intervención en mantemento e conservación de fachadas de interese patrimonial na zona Urban”, dentro das liñas estratéxicas de actuación do Programa Urban Ferrol promovido polo Concello e cofinanciado con fondos europeos. Esta nova acción formativa pretende propiciar o desenvolvemento económico e progreso social dos barrios de Ferrol Vello, Canido e A Magdalena así como a mellora da empregabilidade mediante a formación.
Langtry Caínzos explicou que os destinatarios desta formación son as persoas desempregadas residentes preferentemente na zona Urban da cidade. Un total de 15 alumnos/as realizarán este programa formativo que, cunha duración total de 660 horas, se desenvolverá de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas. O curso comezará no mes de decembro e ten previsto prolongarse durante seis meses. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende hoxe e ata o vindeiro mércores 26 de novembro (incluído). As inscricións poderán realizarse na Oficina do Programa Urban Ferrol, situada no 5º andar da Casa Solidaria, e as bases poden consultarse na páxina web: www.ferrol.es/urban. Ademais, aquelas persoas que non perciban outras axudas públicas ao emprego recibirán o pago de becas que será de 18€ brutos por día de asistencia. O edil de Economía sinalou que os obxectivos do programa de formación e intervención en mantemento e conservación de fachadas de interese patrimonial son “mellorar as condicións de empregabilidade dos participantes e revalorizar o patrimonio histórico”.
Contidos e intervencións
En canto aos contidos do programa formativo, se centrarán en diferentes partes como a teórica, específica, tranversal-complementaria- e a práctica. Os nove módulos formativos versarán sobre os aspectos xerais en construción, a prevención de riscos laborais, aspectos medioambientais, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, tratamento das superficies de soportes, aplicación de pinturas plásticas, vernizados, e lacados e esmaltes. Ademais, todo o alumnado recibirá un curso de 60 horas de nivel básico de prevención en riscos laborais en construción. O módulo de práctica titorizada centrarase en actuacións de mantemento e conservación de fachadas de interese patrimonial tales como a Peixaría do Mercado da Magdalena, a Ludoteca, o Palco da Música do Cantón de Molíns e a Casa da Muller. Durante a primeira fase práctica, os 15 participantes no programa se dividirán en tres grupos de cinco persoas e cada un deles se repartirá o mantemento e conservación das fachadas da Casa da Muller, a Ludoteca e o Palco da Música do Cantón. Unha vez finalizadas estas actuacións, comezarase a intervención na Peixaría do Mercado da Magdalena na que participará todo o alumnado do curso.











