Ferrol impulsa un obradoiro gratuíto de iniciación ao clown

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Normalización Lingüística, comeza hoxe un obradoiro gratuíto de iniciación ao clown. Unha actividade organizada pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e na que colabora o Concello de Ferrol. O curso de iniciación ao mundo do clown terá unha duración de 15 horas e se desenvolverá en catro sesións no Antigo Hospicio. Así, segundo o calendario programado, continuará os días 19, 24 e 28 de novembro.

Este obradoiro será impartido por Pedro Brandariz, membro da compañía de clown “Os Sete Magníficos máis un” dende a súa fundación no ano 2001. Na súa formación ten traballado cos mellores mestres do clown: Leo Bassi, Carlo Colombaioni ou Andrés del Bosque. Nesta actividade a lingua, ademais de vehículo de comunicación, é a ferramenta dramática fundamental e obxectivo prioritario do obradoiro. O clown está a consolidarse non últimos anos como unha técnica teatral e de novo circo en auxe que forma parte do currículo formativo de todos os novos artistas.

Este xeito tan particular de comicidade conta cunha boa aceptación por parte do público en xeral e sobre todo entre a xuventude, que se identifica coa liberdade, espontaneidade e espírito crítico desta figura das artes escénicas. O clown tamén constitúe unha útil ferramenta para favorecer varias habilidades sociais como as dinámicas de grupos ou a desinhibición.

17 de novembro de 2014 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.