Ferrol e Narón activan un servizo compartido de aluguer de bicicletas
O servizo municipal compartido de préstamo de bicicletas nos concellos de Ferrol e Narón xa está operativo. Así, os usuarios desta prestación conxunta poden dende esta mesma mañá recoller e/ou entregar estas bicicletas en calquera das terminais de Ferrol ou Naron, indistintamente. Esta prestación de mobilidade compartida permite ofrecer un mellor servizo público aos veciños ferroláns e naroneses e impulsar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano.
Esta nova rede compartida de bicicletas se incrementa ata preto de 200 unidades, segundo apuntou hoxe a empresa encargada da prestación; e o servizo pode ser utilizado a partir dos 14 anos. O abono anual de aluguer é de 15€ para adultos e 10€ para os menores de 18 anos; e tamén existen abonos diarios, semanais e mensuais, por 1,3 e 5 euros, respectivamente. A cidade ferrolá conta con estacións de aparcabicicletas, situadas nas seguintes zonas: Caranza, Esteiro, peirao de Curuxeiras, Serantes, Cantón de Molíns, Inferniño, A Malata, Canido e Avenida de Compostela (nas proximidades das estacións de autobús e tren).
As persoas interesadas en darse de alta neste servizo conxunto ou ter máis información ao respecto do mesmo deben chamar ao teléfono 981 31 23 31. O custe total de posta en marcha do servizo supón para o Concello de Ferrol 66.000 € e para o de Narón 38.000 €. O que significa que ademais da mellora do servizo –coa ampliación da rede de aluguer e o ámbito de cobertura- tamén supón un aforro para as arcas municipais, xa que por separado a cidade ferrolá gastaba 89.000 € e o municipio naronés 50.000 €, aproximadamente.











