Ferrol conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero cunha solta de globos

Solta de globos
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Igualdade, celebrou esta mañá o acto principal de conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero que tivo lugar na Praza de Armas e no que participaron varios membros da Corporación Municipal. Baixo o lema “Contra a Violencia de Xénero Tolerancia 0: súmate, actúa e denuncia”, este acto comezou cunha representaciónteatralizada pola igualdade entre homes e mulleres, para a continuación proceder á lectura da Declaración Institucional do día 25 de novembro. A concelleira responsable das políticas de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, foi a encargada desta lectura coa que o Goberno Municipal de Ferrol quere amosar a súa postura de repulsa e denuncia fronte á persistencia dunha das manifestacións máis violentas da discriminación por razón de sexo.
Casal Míguez sinalou que a loita contra a violencia de xénero “é unha tarefa común, que soamente a través dunha responsabilidade compartida entre o conxunto da cidadanía poderemos erradicar esta grave lacra social”. Neste senso, o manifesto institucional recolle a renovación e mantemento do compromiso unánime de evitar toda utilización partidista de calquera cuestión relacionada coa violencia de xénero, e a identificación dos esforzos como persoas públicas para a concienciación e sensibilización da cidadanía na gravidade deste tipo de delito. Ademais da mellora da intervención coas vítimas de violencia de xénero: mulleres e as súas fillas e fillos. Así mesmo, a declaración do 25 de novembro manifesta que en calquera ámbito público e privado -centros de ensino, ámbito familiar, lugares de lecer…- a cidadanía debe ter presente a obriga de cooperar na educación para a igualdade, na sensibilización e na denuncia de calquera tipo de maltrato. Unha vez remata esta lectura, os presentes agardaron un minuto de silencio en recordo das mulleres vítimas de malos tratos e a continuación realizaron unha solta de globos.











