Ferrol acolle un taller gratuíto sobre presenza e reputación online en empresas do sector turístico
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, organiza o vindeiro día 18 un taller gratuíto sobre presenza e reputación online da empresa turística. Esta acción formativa terá lugar a partir das 15:30 horas no Hotel Carrís Almirante.
O curso de presenza e reputación online está dirixido a empresas, profesionais e estudantes do sector turístico do xeodestino Rías Altas-Ferrolterra. O experto consultor, formador, poñente habitual en eventos turísticos e tamén profesor na Universidade Nebrija e Universidade Europea, David Mora, será o encargado de impartir este taller. Para participar nesta formación gratuíta, os interesados deberán formalizar a súa inscrición, ata o día 14, enviando un correo electrónico cos seus datos personais a: mlopezturismo@ferrol.es.
García Fraga explicou que os obxectivos deste taller son introducir no concepto de reputación online e o seu alcance, aprender os factores clave sobre a reputación online no negocio, e aprender a xestionalade maneira proactiva. Tamén coñecer as ferramentas gratuítas de autoxestión da reputación online, así como exemplos reais de empresas, destinos e casos de uso. Así mesmo, o contido desta formación en presenza e reputación online da empresa turística é o seguinte:
– Introdución á reputación online.
– Como afecta á miña empresa?
– Xestión da reputación online.
– Como e onde monitorizar a miña marca.
– Como xestionar unha crise de reputación online.
– Como responder a comentarios negativos.
– Reputación online: casos prácticos.
– O impacto sobre as relacións. Do ROI ao IOR.
– Conclusións.











