Fene recibe o non da oposición á súa proposta de incorporar 80.000 euros para a mellora de camiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá do voto contrario en pleno de BNG, PSOE e IU a un expediente de modificación de crédito proposto polo equipo de goberno para dotar orzamentariamente a partida de conservación da rede viaria municipal, tocante a Servizos. Na práctica, esa decisión provocará que o departamento municipal, cuns 30 operarios en plantilla adicados a estas tarefas, non dispoñan de materiais para realizar o seu traballo. Nos últimos tempos, o Concello intensificou as accións no capítulo de Obras para dar solución ás necesidades detectadas e tamén resposta ás planteadas polos veciños e veciñas.

Ese traballo prioritario para o equipo de goberno derivou en que a partida correspondente se esgotara. Para paliar a situación, o executivo municipal planteou esta mañá en pleno aumentala con fondos procedentes doutras partidas que non se prevé esgotar. Fundamentalmente, do capítulo de persoal e dos intereses aforrados da débeda pública. Tamén, do superávit de 137.000 euros rexistrado polo Concello. Non será así, despois de que BNG, PSOE e IU votasen en contra alegando falla de información. Un argumento que o alcalde, Gumersindo Galego, rexeita de plano ao asegurar que se deu traslado de todos os expedientes sobre as actuacións nas vías e camiños hai dez días. Así as cousas, o rexidor explica que esta negativa impedirá incorporar 80.000 euros á mellora de camiños e rúas, que o goberno municipal considera de todo prioritario en beneficio dos veciños e veciñas de Fene.

O equipo de goberno estudará agora as funcións que asumirán a partir dagora e ata que remate o ano os trinta operarios do departamento municipal. O alcalde explicou que levará de novo a proposta a un novo pleno extraordinario este venres. Nesta ocasión, e a petición da oposición, a desvinculará doutra pola que tamén se propoñía destinar fondos a suministro enerxético e á adquisición de equipos informáticos para os traballadores das dependencias municipais. E é que a oposición asegurou que apoiará estas últimas iniciativas se se votan por separado da relativa a mantenemento viario, que non prevén respaldar. Esta mañá, co voto a favor do equipo de goberno, a abstención de PSOE e IU e o sufraxio contrario do BNG, si saían adiante un expediente de transferencia de crédito para dotar orzamentariamente as partidas de Emerxencia social e limpeza de colexios.

E un expediente de crédito extraordinario para afrontar a adquisición dun vehículo para a Policía Local e instalar unha pérgola na entrada do centro de saúde para dar servizo á veciñanza. Comisión de Facenda Noutro orde de cousas, o goberno local tamén levará ao pleno extraordinario do venres a súa proposta para destinar unha partida de 375.000 euros do remanente a dezanove actuacións de aglomerado de camiños e pistas no rural e rúas da zona urbana. Esta mañá pasaba por comisión co único voto favorable do executivo municipal e a oposición do resto dos grupos. Así mesmo, acordouse convocar para este xoves pola tarde o pleno que solicitaba o PSOE sobre o proceso de regularización catastral que está a levar a cabo o Ministerio de Facenda.

24 de novembro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.