Fene pon en marcha unha campaña solidaria para a doazón de xoguetes
Baixo o lema “Doa os xoguetes que non vas utilizar”, os centros escolares e ANPAS, en colaboración co Concello de Fene, poñen en marcha unha campaña de recollida de xoguetes usados en bo estado de conservación. Unha iniciativa pensada de cara o Nadal e, segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Juana Barro, artellada cuns obxectivos claros: apoiar ás familias con escasos recursos, contribuíndo a reducir os seus gastos; xerar actitudes solidarias entre a poboación; sensibilizar á comunidade no coidado e reutilización dos xoguetes e xogos dende un punto de vista ambiental e tamén como valor social, e fomentar dende os centros escolares e as familias o coidado dos xoguetes.
Como se pode colaborar ou acollerse á iniciativa? Aquelas persoas que desexen entregar xoguetes, xogos ou material deportivo poderán facer as súas donacións dende xa e ata o próximo 10 de decembro nos centros escolares colaboradores (CEIP Os Casais, CEIP Centieiras, CEIP O Ramo, IES de Fene, CPI A Xunqueira e colexio Jorge Juan). Así mesmo, as familias que estén interesadas en acollerse á campaña solidaria deberán solicitalo no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avda. do Mar, Bloque 1, baixo San Valentín) antes dese 10 de decembro. O horario de atención é de 9,30 a 13,30 horas.
A Concellería de Servizos Sociais será a encargada do reparto dos xoguetes, proceso que se levará a cabo entre o 11 e o 18 de decembro, ambos incluídos, no mesmo Centro Municipal de Servizos Sociais.
Por último, a concelleira anima á veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria.











