Fene pon en marcha os seus “Espazos familiares” nos centros educativos
O Concello de Fene informa do inicio das sesións do programa municipal “Espazos Familiares”. Dirixidas ás familias, nas mesmas abórdanse aspectos importantes na educación e desenvolvemento das mozas e mozos –estudos, educación afectivo-sexual, ocio e tempo libre, prevención do consumo de drogas, comunicación…-. As reunións comezarán este xoves, 20 de novembro, no CEIP Centieiras e desenvolveránse entre as catro e as cinco e media do serán. A partires de entón, programaránse mensualmente aínda que o centro educativo irá variando segundo a data. Está aberta á participación de toda a poboación e a entrada é gratuíta.
Esta iniciativa forma parte do programa municipal “Espazos compartidos” que, por terceiro ano consecutivo, pon en marcha o goberno municipal que dirixe Gumersindo Galego a través da Concellería de Servizos Sociais e grazas á colaboración económica da Deputación provincial da Coruña.
“Espazos compartidos” está dirixido a nenos e nenas de Primaria, de entre 6 e 12 anos. Con participación gratuíta, o seu obxectivo é procurar apoio e reforzo continuado para a adquisición de destrezas básicas no estudo e a adquisición de hábitos axeitados de cara a aumentar o rendemento e o éxito escolar ao tempo que as familias participan e se implican neste proceso.
As persoas interesadas en participar nos mesmos poden anotarse no Centro Municipal de Servizos Sociais do Concello de Fene.











