Fene organiza actos a pé de rúa con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista
O Concello de Fene levará a cabo este domingo, 23 de novembro, o acto central da programación prevista pola Concellería de Igualdade para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia Machista. O escenario elixido serán as rúas do Feirón de Perlío e praza da Escola –xunto ao local da AVV-. Alí, entre as 11,30 e as 13,30 horas, repartiránse lazos de cor malva como símbolo da loita contra a violencia machista e a solidariedade coas mulleres e menores víctimas da violencia. Sobre as 12 horas, La Guagua levará a cabo unha representación do conto “La Cenicienta que no quería comer perdices”. Unha adaptación non sexista do conto clásico e análise dos valores que transmitimos aos nenos e nenas a través dos relatos. A continuación, os rapaces e rapazas das actividades que ao longo do ano impulsa o departamento municipal de Servizos Sociais ofrecerán unha actuación e, xa á unha do serán, celebraráse o acto central da xornada: a lectura do manifesto institucional do Concello de Fene por parte do alcalde, Gumersindo Galego, que irá acompañada da solta de globos en lembranza das vítimas de violencia machista no 2014.











