Fene leva á rúa os actos conmemorativos do Día Mundial contra a Violencia Machista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e a concelleira de Igualdade, Juana Barro, deron a coñecer esta mañá o programa deseñado polo Concello para conmemorar o Día Mundial para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se celebrará en todo o planeta o 25 de novembro. Un programa co que, segundo rexidor e edil, se quere concienciar á sociedade sobre esta auténtica lacra social, lembrar ás vítimas e, sobre todo, fomentar a participación e implicación na transmisión de valores igualitarios e non sexistas cara a consecución dunha sociedade igualitaria, sen violencia de xénero. Por isto, ambos apuntaron que todas as accións previstas pretenden chegar á sociedade e, por iso, na súa meirande parte o Concello decidiu sacalas á rúa.

Así, o programa arrancará o domingo 23 de novembro nas rúas do Feirón de Perlío e praza da Escola –xunto ao local da AVV-. Alí, entre as 11,30 e as 13,30 horas, repartiránse lazos de cor malva como símbolo da loita contra a violencia machista e a solidariedade coas mulleres e menores víctimas da violencia. Sobre as 12 horas, La Guagua levará a cabo unha representación do conto “La Cenicienta que no quería comer perdices”. Unha adaptación non sexista do conto clásico e análise dos valores que transmitimos aos nenos e nenas a través dos relatos. A continuación, os rapaces e rapazas das actividades que ao longo do ano impulsa o departamento municipal de Servizos Sociais ofrecerán unha actuación e, xa á unha do serán, celebraráse o acto central da xornada: a lectura do manifesto institucional do Concello de Fene por parte do alcalde, que irá acompañada da solta de globos en lembranza das vítimas de violencia machista no 2014.

O martes, 25 de novembro, Día Mundial, Fene invitará á veciñanza a “Implicarse, rachar coa indiferencia social e loitar contra a violencia machista”. Será o lema do acto que organiza a Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra en colaboración co Concello de Fene. Na praza da Escola, ás 20 horas, realizaráse unha performance guiada polos principios do lema e, nesta posta escénica, buscaráse a implicación do público a través da improvisación e partipación. Lembraráse ás vítimas e, por último, o acto pecharáse coa lectura do manifesto aprobado pola Marcha a nivel nacional.

Así mesmo, o Concello de Fene tamén levará a cabo un calendario de obradoiros nos centros educativos do municipio a fin de traballar co alumnado esta materia, fomentando a sensibilización e concienciación. En Primaria (cursos 5º e 6º) está prevista a representación da obra “Mulleres na sociedade, nenas na escola” e, en Secundaria (1º e 2º ESO), talleres de prevención de violencia de xénero. Actividades que se desenvolverán entre o 18 de novembro e o 18 de decembro.

18 de novembro de 2014 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.