Fene asiste ao nacemento do primeiro Club de Ximnasia Artística da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O Concello de Fene acollía esta mañá a presentación do novo Club Escola Ximnasia Ferrolterra de Fene. E, no acto, participaban a concelleira de Deportes, Rocío Bértoa; a presidenta da entidade, Juncal Martín, e a súa adestradora, Olalla Zas. Será o único clube desta disciplina deportiva en toda a comarca de Ferrol e, segundo explicou Martín, o obxectivo primordial nestes momentos é dar a coñecer este deporte e a entidade. Presidenta e adestradora coincidiron á hora de reiterar o agradecemento ao Concello de Fene polas facilidades dadas e a colaboración brindada, xa que precisamente a posta a disposición do pavillón do Ramo, en Barallobre, permitiulles iniciar este proxecto tras anos de suspensión da actividade.

Así mesmo, e en colaboración coa Concellería de Deportes, nace a Escola Municipal de Ximnasia, na que os nenos e nenas de Fene Terán prioridade aínda que está aberta á participación de toda a comarca. Pola súa banda, a edil Rocío Bértoa agradeceu ás responsables do clube o ter pensado en Fene para asentarse, pola súa participación na programación municipal e, tamén, por levar o nome de Fene ás competicións de ámbito galego e estatal nas que tomarán parte.

O novo club traballará as disciplinas de ximnasia artística feminina –chan, paralelas asimétricas, barra e salto- e trampolín feminina e masculina –cama elástica, doble minitramp, tumbling e minic-. Os adestramentos do club celebraránse martes e venres de 18,30 a 20,30 horas e sábados de 11 a 13,30 horas. Os da Escola Municipal os martes e venres de 17,30 a 18,30 horas.

Os interesados en participar poden achegarse nesas datas e horarios ao pavillón de Barallobre e formalizar a súa inscripción, ou ao pavillón de San Valentín para anotarse na Escola Municipal. Tamén se habilitou o enderezo electrónico cximescolaferrolterra@gmail.com.

En todo caso, dende o clube sinalan que os nenos e nenas interesados neste deporte poden asistir a unha ou dúas sesións para coñecelo de preto sen ningún custe nin compromiso. A idade mínima tense establecido nos catro anos.

A intención do clube é fomentar a participación dos seus deportistas en competicións, tanto escolares como de ámbito competitivo galego e estatal, e consideran que a canteira actual, con preto de 30 nenos, ten moi boas posibilidades neste sentido.

12 de novembro de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.