Fene activa o programa “Suma e sigue: reforzo escolar” para estudantes de 12 a 16 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O Concello de Fene, a través da Concellería de Servizos Sociais, vén de poñer en marcha o programa “Suma e sigue: reforzo escolar”. Dirixido a estudantes de Secundaria de entre 12 e 16 anos, a participación é completamente gratuíta. Uns trinta alumnos e alumnas inscribíronse no proxecto, divididos en dous grupos. Así, o primeiro deles, iniciou as sesións no IES de Fene e, o segundo, fará o propio no día de hoxe no CPI A Xunqueira. En ambos casos, as xornadas constan de tres horas (de catro a sete da tarde) e celebraránse con periodicidade semanal.

O obxectivo é procurar apoio e reforzo continuado aos rapaces para a adquisición de destrezas básicas no estudo e a adquisición de hábitos axeitados de cara a aumentar o rendemento e o éxito escolar, ao tempo que as súas familias participan e se implican neste proceso a través de reunións específicas. É un programa motivador no que se traballarán os puntos fortes de cada participante procurando apoio e ferramentas necesarias para o estudo e o desenvolvemento persoal, para potenciar as súas habilidades, a memoria, a atención, a comprensión, a motivación, o esforzo… así como as técnicas de estudo e a xestión do tempo.

“Suma e sigue: reforzo escolar” enmárcase no programa “De peques a maiores: compartindo espazos” que promove a Concellería de Servizos Sociais coa colaboración económica da Deputación provincial da Coruña.

27 de novembro de 2014 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.