Excesivo castigo para o Prone Lugo ante o Barcelona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+
Encontro do Prone Lugo co F.C. Barcelona

Encontro do Prone Lugo co F.C. Barcelona

Complicado presentábase o partido desta xornada para o Prone Lugo F.S., xa que recibir ao potente F.C Barcelona non era a mellor situación a priori para empezar a sumar os seus primeiros puntos da tempada, ademais de chegar ao partido coas baixas de Nacho Pedraza, Mimi e Cospe; o que supoñía que os doce xogadores da convocatoria fosen canteiráns,pese a todo os xogadores de Javier Albes tiñan claro que querían plantar cara a un dos ósos da liga ao igual que fixeron a pasada xornada en Madrid ante o Inter Movistar.

E así o expuxeron sobre a pista, xa que dende o inicio trataron de ter o balón e crear perigo á Barcelona; non obstante sería Dyego no minuto 4 quen abriría o marcador no Municipal. Malia o gol os lucenses non se caeron e así no minuto 6 Javi Río cun disparo afastado e raso lograba devolver a igualdade ao marcador. O Barcelona intentábao con disparos afastados, pero eran ben atallados por Óscar Iglesias; Javier Albes solicitou un tempo morto para tratar de corrixir os desaxustes defensivo, ese tempo morto deu resultado en ataque, pois tras un saque de banda Iago Rodríguez lograba poñer o 2-1 no marcador marcando o seu oitavo gol na competición. Pouco duro a alegría á afección lucense, pois na xogada seguinte Batería lograba devolver a igualdade batendo a Óscar Iglesias. A igualdade no marcador reflectíase tamén sobre a pista, onde ambos os dous equipos dispoñerían de ocasións para irse ao descanso con vantaxe, pero o luminoso non se ía mover máis nos primeiros 20 minutos, e chegábase ao intermedio co 2-2.

 A saída á segunda metade foi letal por parte do F.C. Barcelona, a pesar de dispoñer o Prone Lugo F.S. das dúas primeiras ocasións de gol nos pés de Javi Río nun para un con Cristian, e nun lanzamento de Alex diz que obrigou o porteiro visitante a empregarse a fondo. Enla xogada seguinte Wilde materializaba á perfección unha contra para poñer os seus por diante. No 23 intentábao Javi Río, que era quen máis perigo levaba en ataque, pero o seu disparo se ía rozando o pau. Na seguinte xogada Sergio Lozano lograba o 2-4, e ao minuto seguinte Rafa Usín aumentaba a distancia. Intentábao Javier Albes colocando a Alex Diz como porteiro xogador, pero no primeiro ataque un roubo de balón servíalle a Wilde para poñer o 2-6 no marcador. Tiña as súas opcións o Prone, pero os seus remates non chegaban ao fondo da portaría de Cristian. No minuto 31 Sergio Lozano lograba o seu segundo gol e poñer o partido máis costa arriba para os lucenses. Un minuto despois Batería lograba desfacer de Alex Diz e anotar o 2-8. No 36 sería Ferrao o que cun forte disparo lograría o 2-9 para os cataláns. No minuto 37 os colexiados galegos quixeron ter o seu protagonismo no partido e mandaron para o vestiario a Jose López con vermello directo logo dunha falta sobre Ferrao. Souberon defenderse ben os de Javier Albes na inferioridade e aguantaron os dous minutos sen encaixar, pero tras recuperar a igualdade Saad castigou os lucenses cun novo gol, que deixaba o marcador final en 2-10, un excesivo castigo para os lucenses que o intentaron de todas as maneiras ante un grande equipo. Traballo que a afección soubo agradecer cunha forte ovación aos seus ao final do partido.

7 de novembro de 2014 | 23:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.