Evaristo Calvo trae a Fene o seu monólogo “O turista madrileño”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFene
A-
A+

O ciclo de monólogos “As risas son boas”, que organiza a Concellería de Cultura de Fene para conmemorar o XXX Aniversario do Museo do Humor, permitirá ao público disfrutar este venres, 14 de novembro, da actuación do actor Evaristo Calvo. A partires das 20 horas, presentará en Fene o seu espectáculo “O turista madrileño”. Así, as persoas interesadas en asistir poderán recoller as súas invitacións –un máximo de dúas- o mesmo venres a partires das catro do serán na Casa da Cultura –escenario do ciclo de monólogos-.

“O turista madrileño” é unha creación de Zopilotes, trío composto polos guionistas Andrés Mahía, Carlos Ares “Parrocho” y Xosé Castro “Pato”, artífices de AIR GALICIA, programa de humor emitido durante varias tempadas na Televisión de Galicia e gañador do Premio Mestre Mateo á mellor serie do audiovisual galego en 2008.

“As risas son boas” continuará o venres 21 de novembro co ferrolán Pepo Suevos e o seu espectáculo “Humor salvaxe”. Pepo Suevos é na actualidade un dos humoristas máis cotizados e con maior experiencia de Galicia (coñecido pola súa participación en filmes e series como Luar, Land Rober, Piratas, Terra de Miranda ou Heroína).

Na xornada do luns 24 de novembro, coincidindo cos actos centrais do aniversario, actuará na Casa da Cultura de Fene a actriz Isabel Risco, interpretando a “Chelo García Naveira, máis coñecida como Naviza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e con super-poderes que proveñen do sulfato”.

O ciclo “As risas son boas” concluirá o venres 28 de novembro coa Compañía Viriscrón (dúo formado polo actor-creador Ricardo de Barreiro e polo músico-compositor Guillerme Fernández). O espectáculo que presentarán ese día, “Sobre o desamor e outras mariconadas”, parte do poemario homónimo de Barreiro, integrándose nel os versos con música e a acción escénica.

Así mesmo, a Concellería de Cultura anunciará en próximas datas o día no que se programe o monólogo do actor Manuel Manquiña –que o Concello viuse obrigado a suspender o 7 de novembro por mor dunha enfermidade do artista-.

12 de novembro de 2014 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.