Ethel Vázquez trasládalle á confraría de pescadores da Coruña o seu compromiso coa rexeneración da Ría do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión coa cofraría de pescadores da Coruña

Ethel Vázquez na reunión coa cofraría de pescadores da Coruña

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, acompañada polo director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Confraría de Pescadores da Coruña co fin de abordar o saneamento e rexeneración da ría do Burgo.

Ethel Vázquez explicou que os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2015 contemplan a licitación de dúas obras, que suporán un importante beneficio e un gran avance para un dos obxectivos principais do Goberno galego, como é o saneamento das rías galegas, concretamente, a ría do Burgo.

Estas actuacións, que posibilitarán a rexeneración da ría do Burgo, son o tanque de tormentas en Santa Cruz, na localidade coruñesa de Oleiros, cuxo proxecto xa está redactado; e as melloras no sistema de saneamento da marxe dereita da Ría do Burgo, proxecto que está en redacción.

O tanque de tormentas, en Santa Cruz de Oleiros, disporá dun orzamento de máis de 3,8 millóns de euros; e as melloras no sistema de saneamento da marxe dereita da ría do Burgo disporá dun investimento de máis de 2,4 millóns de euros, sumando así as dúas actuacións un total de 6,3 millóns de euros.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Xunta é consciente da importancia estratéxica da ría do Burgo para o sector marisqueiro e que así llo trasladou ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA). Nese sentido, expresou a satisfacción do Goberno galego pola confirmación do feito de que os Presupostos Xerais do Estado vaian contar cunha partida específica para avanzar no proxecto de rexeneración da ría do Burgo, tal e como solicitou o Executivo autonómico.

12 de novembro de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.