Ethel Vázquez sinala en Vilagarcía que para un bo sistema de reciclaxe é fundamental unha axeitada separación

Ethel Vázquez na visita a Baiona

Ethel Vázquez na visita a Baiona

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou hoxe o CEIP A Escardia, en Vilagarcía de Arousa, onde se está a desenvolver a campaña Separemos ben, reciclaremos mellor, unha das actividades da Semana Europea da Prevención de Residuos. A este acto tamén asistiron o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito; o presidente de Sogama, Luís Lamas; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole.

A Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra entre o 22 e o 30 de novembro, ten lugar en 28 países da Unión Europea e pretende concienciar sobre a importancia de xestionar os residuos e conseguir uns recursos sostibles.

Estas actividades comezaron este sábado e ao longo deste mes percorrerán diferentes puntos de Galicia, centrándose en centros educativos. Ethel Vázquez explicou que no marco da citada semana, aprovéitase a Campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, unha das iniciativas con maior éxito das desenvolvidas por Sogama, xa que coas accións previstas para este mes contabilízanse preto de 9.000 participantes na terceira edición deste programa.

Para o desenvolvemento deste programa, un vehículo adaptado percorre distintos concellos, onde se instala unha carpa na que monitores especializados informan aos visitantes sobre o principio das 3R, como separar os residuos domésticos, os erros comúns que se cometen na reciclaxe e as vantaxes de reciclar. Tamén se dispón un xogo xigante sobre a reciclaxe e diverso material divulgativo. Fundamentalmente realízanse visitas a concellos, a centros escolares e a asociacións.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que o obxectivo desta campaña é concienciar ás persoas da importancia de separar ben os seus residuos e dar as nocións suficientes para poder facelo adecuadamente. Engadiu que Galicia ten evolucionado moi favorablemente neste sentido, xa que, por exemplo, os contedores de papel e cartón e de vidro son moi ben empregados, rexistrando porcentaxes moi elevados de residuos ben depositados neles (no contorno do 95%). No contedor amarelo, de envases lixeiros (plásticos, latas e bricks) os datos non son tan bos aínda que presentan unha boa evolución.

Ethel Vázquez sinalou que dende o ano pasado, en Sogama aprovéitase o vidro que chega na bolsa negra (a da fracción resto) e recuperamos máis vidro nesa bolsa que o recollido dos contedores verdes.

Dende a Consellería de Medio Ambiente explícase que para un bo sistema de reciclaxe é fundamental unha axeitada separación en orixe. Esta fai posible que o Concello pague menos polos residuos que manda a Sogama, incrementa os seus ingresos pola venda do material que se manda a reciclar e permite unha reciclaxe máis eficiente e, polo tanto, máis respectuosa co medio.

A responsable de Territorio indicou que Sogama tamén vén experimentando melloras, producindo máis electricidade, un 5% máis que en 2011; procesando máis residuos, chegando ata as 555.000 tm; e mandando menos lixo a vertedoiro, que é o destino que debemos evitar.

25 de novembro de 2014 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.